A medias entre o frío inverno compostelán e as tardes de calor, terrazas e cervexas, Santiago acolle todos os anos o Outono Códax Festival. Na mellor estación do ano, cando as follas das árbores enchen o chan dun mosaico de cores a Sala Capitol acolle o mellor do rock, blues e gospel. A edición deste ano, que comezou coa exposición ‘Signs Of The Seventies’ das fotografías de Lawrence Impey en NUMAX, rematou o pasado sábado co listón alto ata o próximo ano.
The Soul Jacket foron os encargados de abrir a noite. O grupo vigués, con greñas e barbas como os verdadeiros rockeiros deben lucir, despregou o seu rock sureño durante os escasos 45 minutos de concerto. Curtidos xa en citas nas que xa foron gañando seguidores (incluído o que escribe estas letras) en citas como PortAmérica, onde contaran coa colaboración de Ángel Carmona, ou no concerto das Festas do Apóstolo deste pasado verán. The Soul Jacket espremeron o seu tempo en escenario para deixar temazos como Brothers ou Where’s My Money Honey, temas do seu último CD ‘Black Cotton Limited’; incluso tiveron tempo para deixar unha apoteose instrumental de case 10 minutos de rock que se achegaba a sons progresivos na onda de Deep Purple. O público, moi arriba, enfrontábase á incógnita de quen recollería a testemuña dos Soul Jacket nuns escasos minutos de incertidume mentres cambiaban o escenario para a seguinte banda.
Avalado por Paul McCartney, que cualificou o seu traballo como “smashing”, e despois de telonear o tour Back to Black de Amy Winehouse, Juan Zelada comezaba a súa actuación coas apostas moi altas. Acompañado por unha banda na que destacaba unha corista que levaba o ritmo no corpo, Zelada poñíase fronte a un público eufórico espido tralo seu teclado. Mais, cando se é capaz de facer soar un instrumento como el o facía, para que fai falla máis? Quizais, e isto é xa a nivel persoal, a voz de Juan Zelada sexa excesivamente… branca. Despois de escoitar o rock desgarrado de Toño López, cantante de Soul Jacket, era complicado atopar outra que lle puidera facer fronte. Ata que chegou Naomi Shelton e mandou parar.
Son poucos os grupos que en tan só un segundo de actuación xa confirman que están a outro nivel, mais isto foi o que aconteceu ao subir o grupo que acompaña á diva de 70 anos Naomi Shelton. Tan só un acorde na guitarra, unha nota de baixo e un golpe na batería e aquelo xa soaba como estar escoitando un disco. A introdución musical deu paso ao misterio coa caída do telón e posterior apertura coa cantante de Alabama no escenario. Vestida con brillantes dos pes á cabeza, Naomi Shelton contradicía a frescura da súa voz co evidente paso do tempo. Mais os anos non foron escusa para dar un mal concerto e a actuación alongouse ata chegadas ás doce e media da noite nas que a Capitol vibrou cunha das mellores voces negras. Entre os moitos temas soaron Sinner e It’s a Cold, Cold World, pero foi no fin do concerto, tras a fermosa presentación que fixo de todo o seu grupo, cando Santiago xurou amor eterno a Naomi Shelton.
O telón caía mentres fóra a choiva empapaba as rúas compostelás. O Outono acabara pero, coma todos os anos, voltaría en setembro con máis e mellor rock para seguir subindo o listón.