Outono Codax Festival volta encher Compostela de boa música

Debbie_harris_blondie_©lawrence_impey

Quen dixo que a música era só para o verán? Setembro e outubro veñen, coma sempre, cargados do mellor do rock, funk e blues grazas ao Outono Códax Festival que o pasado martes inauguraba a súa andaina neste 2015. O mestre de cerimonias desta edición foi Lawrence Impey, fotógrafo británico, que daba o pistoletazo de saída ao festival coa apertura da súa exposición “Signs of the Seventies” en NUMAX. E, como en Disquecool non nos perdemos unha, estivemos alí.

Na súa presentación, Lawrence falou da importancia dos setenta coma unha época clave na que se formou a personalidade do mundo contemporáneo. Un mundo menos saturado e onde a posibilidade de subirte a un escenario a sacar unha foto era algo factible: “Intenta hoxe sacarlle unha foto a Debbie Harry”, dicía rindo cando lle preguntaban sobre os cambios na fotografía. A súa fotografía, case sempre froito da sorte, como el mesmo afirmaba, recolle con naturalidade os signos dunha década que foi rica en todos os aspectos. Entre os pantalóns acampanados e as reminiscencias do esplendor hippie crúzanse artistas como Blondie ou The Police, estes últimos fotografiados por primeira vez por Lawrence Impey. Ademais de falar das súas vivencias na escena musical londinense, o fotógrafo louvou o traballo de Robert Frank no libro The Americans dicindo que ninguén conseguira, desde o 1958 (data de publicación) superar o que el fixera.

Este sábado comezan os concertos do Outono Códax Festival cun deses artistas imposible de deixar pasar: Mike Sánchez. Xunto coa súa banda, o músico británico traerá non só rock clásico á Sala Capitol senón que fará un percorrido por outros xéneros coma o boogie woogie ou o rockabilly. Todos sabemos o que significa iso: trae calzado cómodo para poder bailar toda a noite. Ademais, xunto a el estarán os Transilvanians, grupo vigués que vén de percorrer Alemaña, Francia e Holanda coa súa mestura de Ska con sons propios do país de Drácula. E, por se fose pouco, David Hooper e os Silverbacks encargaranse de traer o rock máis puro desde Houston avalados por unha desas voces que só poden pertencer á América profunda.

E todo isto só no primeiro dos tres sábados que encherán Compostela de boa música. The Velvet Candles, Tommy Hunt, Sabela King, Juan Zelada, Naomi Shelton, The Gospel Sessions e os marabillosos, e cos que xa desfrutamos en PortAmérica, The Soul Jacket pechan un cartel ao que só quedas ti por unirte. Aproveita, hai poucos días xa avisaban de que quedaban poucos bonos a 39€ e, vendo os artistas convidados, pouco faltará para que se rematen ata as entradas de cada día. Logo non digades que non avisamos

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *