O disco da semana: My Favourite Faded Fantasy, de Damien Rice

My-Favourite-Faded-Fantasy-608x608Oito anos son unha barbaridade. Moitísimo tempo. Ao mellor non no que se entende como o tempo transcorrido dende o Big Bang ata os nosos días, pero si unha enorme brecha entre sacar un segundo disco e un terceiro. Tanto é así, que algúns perderamos a esperanza. Imaxinas a Damien Rice durmindo nun caixeiro en Dublín, intercambiando mensaxes con outros artistas presuntamente mortos como Bowie. Pero Bowie deu sinais de vida o ano pasado, e o cantautor irlandés, polo que sabiamos, podía estar tocando nalgunha estación de metro para subsistir. Pero non.

O problema deses oito anos é o hype. Agardas de Damien Rice que lance un disco que troque a época na que vivimos. E non. ‘My Favourite Faded Fantasy’ (Warner Music, 2014) non é a quintaesencia de nada. É un moi bo disco, si, pero un agarda algo máis se che levou oito anos recompilar unha colección de cancións que te convenceran. O primeiro que chama a atención é que Damien Rice volveu, si, pero non só. ‘My Favorite Faded Fantasy’ é un disco moi orquestral, menos espido que os seus predecesores, con certa querenza pola grandilocuencia, polas composicións máis tortuosas, longas, con trocos de camiño, ritmo, contido e intensidade.

O primeiro adianto é o tema que lle dá nome ao disco. My Favourite Faded Fantasy resume ben tódolos aspectos que atopamos no disco. Un tema longo e intricado, con ese crescendo cando semella que o tema morre, a sección de cordas omnipresente. Cautivará a moitos, e fará que outros tantos fuxan. A min paréceme o tema máis brillante deste terceiro disco de Damien Rice. É ese virtuosismo, esa querenza pola ornamentación, en moitos momentos afastada da sinxeleza habitual de Rice, o que lastra un chisco ‘My Favourite Faded Fantasy’. Cousas tan bonitas a priori como It Takes a Lot to Know a Man pasan momentos innecesarios (eses minutos instrumentais ao final, que non aportan nada). Todo vai mellor en versións máis directas, como The Great Bastard, con moito de autobiográfico.

I Don’t Want to Change You, con ese videoclip, tivo a desgraza de lembrarme enormemente ao You’re Beautiful, de James Blunt, pero amosouse como unha canción estupenda, ao igual que Colour Me In, que utiliza a orquestración e esas cordas de xeito bastante máis contido. Outro acerto é ese ton country (ou o coro final, de tendencia gospel), que hai en Trusty and True, unha canción que dá un aroma de varianza ao final do disco, e que resulta moi de agradecer para o conxunto do mesmo. E ata aquí. Tras oito anos non estivo mal, pero nese pecado da espera está a penitencia. Long, Long, Way pecha o álbum de xeito notable, coa suficiente solvencia como pasa esixir a Damien Rice que se deixe de caralladas e que se tome as cousas con menos calma, que non volva a desaparecer sen deixar rastro. Acabar con esa sensación suponse que di bastante da súa volta.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *