O disco da semana: Muna, de Markéta Irglová

marketa-irglova-munaO de que todo o mundo fantasía cunha morte dramática é moi poético. Ademais, é unha chorrada. Non nego que un non imaxine o seu funeral de cando en cando en plan grandilocuente, pero morrer ao xeito de Vito Corleone, trocando a cadeira por unha hamaca na túa finca, nunha sesta tras comida en familia, á sombra dun carballo, cos netos correndo polo arredores, estaría moi ben. Nese momento podería soar este ‘Muna”‘ (Anti, 2014), de Marketá Irglová. Claro que para todo hai que ter sorte na vida, sobre todo para morrer. A Marketá Irglová xa a coñecedes, pero esquecéstela. Trátase da protagonista feminina de ‘Once’, película pola que chegou a gañar un Oscar en 2008. ‘Muna’ é o seu segundo Lp.

Unha vez presentada como a artista que porá música á nosa morte, ela deixa quererse por esa definición coas campás que anuncian a chegada de Point of Creation, primeira canción de ‘Muna’. Creación paulatina para a entrada dunha voz clara, sen artificios, sen distorsións nin efectos innecesarios. Unha rapaza que canta acompañada dun órgano e un coro que dan perfil eclesiástico e señorial a un disco que, porén, conseguirá que te sintas cómodo en todo momento. O ton amable de Time Immemorial, que tanto lembra a xente como Basia Bulat, daravos a mostra exacta do a gusto que un vai estar dentro das catro paredes de ‘Muna’.

O disco navega sempre dentro da notabilidade, incluíndo dende elementos propios da cultura checa -Markéta é natural de Valašské Meziříčí, que mo dixo a Wikipedia, aínda que reside en Dublin, onde fai boas migas con Glen Hansard, como é obvio, e con outros como Damien Rice– a outros máis tribais, como se pode observar en Fortune Teller, xusto despois dun deses temas que eleva enormemente as prestacións de ‘Muna’, The Leading Bird e a súa sección de cordas de protagonismo secundario pero estremecedor. Ou ese exercicio de contida emoción e intensidade que é Without a Map, nun tramo a medio disco que se fai espléndido.

Neste apartado do folk-pop, ou da música de cantautor, ou como narices lle queirades chamar, seguramente as prestacións de Markéta Irglová se queden un par de chanzos por debaixo doutras grandes do xénero que pariron discos enormes este ano, como Marissa Nadler ou Sharon Van Etten, pero aínda así non moitos acadan a lograr deseñar cancións como Mary -só a min me lembra a Cocteau Twins?- ou Seasons Change. ‘Muna’ convértese nunha aposta idónea para unha tarde de outono fría e gris, na que non abandonar o amor polas catro parede que te resgarda do duro exterior antóllase a decisión máis sabia. Ben por temas como Gabriel, que te aportarán o abrigo preciso. Ben por Markéta Irglová.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará