O disco da semana: Are We There, de Sharon Van Etten

frontCusta crelo. Déixate tan perturbado que tardas un anaco en reaccionar. En asumir a realidade. O disco rematou. Pasas a vida escoitando a vellos que che din que a aproveites canto poidas. Que despois dos 18, os anos pasan a unha velocidade que asusta. Ó final iso do carpe diem é fantástico en teoría, pero chega a vida real e segues sen pararte a gozar do belo, deses intres que converten a rutina en esplendor. Sharon Van Etten ventilouse once cancións maxestosas, e nin te decataches. Fuches queimando fases ata que as risas de Sharon e (a que semella) Mackenzie Scott, a.k.a. Torres poñen punto e final a ‘Are We There’ (Jagjaguwar, 2014), o cuarto disco da artista de Brooklyn. O seu mellor traballo ata hoxe, e iso xa é bastante dicir. Non se adiviña teito. Cada novo paso é un avance ditatorial para coller o relevo dos seus mestres do pop, do folk, do rock. Para mirar a Marissa Nadler e dicirlle que xa está aquí. Para amosarlle a Nick Cave todo o que del aprendeu mentres lle daba entrada. Sharon Van Etten en pan absolutista, a súa brutalidade infinita, a melancolía que todo o inunda. A fermosura dun timbre de voz roto, a perfección e o encanto de recoñecerse fráxil. Pero con esa estraña fraxilidade que non debe confundirse nunca coa debilidade. A de Sharon Van Etten é unha aposta consistente, e paso a paso máis seria.

Cando te sentas ante ‘Are We There’ falo con interese. Non, con algo máis que interese. Diría case que con ansia. Levas xa unhas semanas sabendo que ese momento estaba preto, medran as túas expectativas. Pero tamén, da man, as posibilidades dunha caída sonada. Afraid of Nothing disipa unhas dúbidas que, de existir, só o farán antes de empezar a súa escoita. Non fai falla nada máis que ese primeiro tema para deixarte conquistar. Para que baixes a garda e lle digas a Sharon Van Etten que vas a onde ela queira, sempre que sexa ó seu carón. Mesmo se opta por un son máis misterioso, polo recóndito, por un mundo de tarot e maxia negra, no que Taking Chances, o seu primeiro single, se ergue con suficiencia. Preparando a avalancha que supón a chegada de Your Love is Killing Me, sepultándoo todo, despótico, tiránico. Unha puñetera obra de arte que te rompe en pedaciños. Precisas uns segundos despois de que remate. Precisas coller algo de aire, descansar tras quedar exhausto.

En realidade dá igual o que veña despois. A cuarta canción de ‘Are We There’, tras esa barbaridade que acabamos de escoitar, será a peor do disco. Case por necesidade. É por iso que Our Love perde na comparación. Pero faino como o faría calquera: por estar no momento trabucado no lugar trabucado. Agora falta saber se é un “tropezo” momentáneo ou se Sharon Van Etten o tiña todo concentrado nun comezo irresistible, que perde forza e non consegue recuperarse posteriormente. Pero á merda esas alarmas que querían saltar, Tarifa apaga calquera mínimo fume de intranquilidade que apareza no teu interior. Cunhas seccións de vento que cobran un protagonismo ata entón descoñecido en ‘Are We There’, mentres chega outro deses momentos máxicos do disco. O momento no que Sharon Van Etten chora e se ispe en I Love You But I’m Lost, unha preciosidade enorme.

E mentres Break Me e Nothing Will Change se rin á cara daqueles que precisan tirar de recheo, trazando un camiño ideal para que Sharon Van Etten se poña a americana, os pantalóns pitillo, se peitee con brillantina cara atrás e adopte uns andares contaxiados de narcisismo. Para que xogue, en definitiva, a ser Nick Cave sentado ó piano en I Know. A esgazar a pel, a soltar toda aquela bile acumulada no rancor, mesmo no amor, que ás veces existe. Moi ó noso pesar. Rematou unha marabilla da man dunha Every Time the Sun Comes Up que resta dramatismo, que suma pop, luz e lixeireza. Un dos meus discos favoritos do que vai de 2014. Probablemente, o que máis. Un deses nos que xurde a necesidade física de volver escoitalo cedo. Que crea ese síndrome de dependencia que pode pór a túa saúde en perigo si tentas desengancharte sen supervisión médica. Tremores, suores, dor de articulacións. Para que sufrir, co doado que é darlle ó repeat?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *