Chegas un día a casa, revolucionado despois do primeiro día de colexio. A túa nai percíbeo, que para iso é túa nai e te pariu. Ao notarte calado durante a merenda, indaga sobre a causa. Quizais o mestre novo? Non. Que quedas no comedor do cole? Tampouco. Unha moza? Si, mamá. Unha moza. Namoraches. Deuche unha coitelada tan punzante que semella máis propia da adolescencia que da infancia (en realidade, poñédelle á merda esta de exemplo a idade que queirades). Que, mamá?, que como se chama? Marissa. Non, Marissa con dous eses, me dixo. Marissa Nadler. ‘July’ (Sacred Bones, 2014) supón o sexto disco da artista de Boston. Un traballo moi coidado, tan fráxil que da ata medo abrazalo, como ‘July pide a berros entre o frío de febreiro. Folk de moi alta calidade no que, para os que non coñezades a Marissa Nadler, os primeiros momentos de Drive vos traerán de xeito inmediato o nome da súa coetánea Sharon Van Etten á cabeza. Aínda que é certo que Marissa debutou bastante tempo antes que a propia Sharon.
Cando algo comeza de xeito tan redondo como ‘July’, tan brillante, é complicado que o resto non cumpra. Pode ser igual de atractivo, algo menos, quizais. Pero cando das vida a un tema tan absoluto, a calidade do que veña despois dáse por sentada. E así é, aínda que un se pasaría horas escoitando o primeiro tema, en bucle, tórnate tolo só rozándote. Nin te mira directamente ós ollos, ao igual que 1923, á que queres abrazar, pero que non se deixa. Que desaparece en canto te achegas a ela. Como cando queres facer túa unha figura que o fume do vapor ha debuxou no aire, para gardala para sempre. Ó querer collela, destrúela.
Marissa Nadler é a miña pastora, mentres escoito Firecrackers nada me falta. A súa voz cúbreme por completo. Resgárdame do frío, anícame nunha manta todopoderosa, na que nin todo o frío do seu Boston natal, ou da mesma Siberia pode facerme dano. Todo o demais é secundario. Guitarras, autoarpas ou pedal-steel, nin queren protagonismo nin falta lles fai. Non precisas nada máis. Nin cando a delicadeza busca un lugar para apartarse, nun curruncho, e troca a inmediatez (We Are Coming Back) ‘July’ deixa de estremecer, de ser unha das mellores novas musicais do que vai de ano, que non é moito, claro está. Dead City Emily, o tema xa coñecido antes do lanzamento, atrapándote entre astros…
I saw the light today
Opened up the door
And the other man would run, run away
And we’re stuck inside the moon
And the other man would run, run away
And we’ll need something more
Os coros de Was It a Dream?, anegándoo todo dunha encantadora devastación, dunha intensidade e angustia que che dan a benvida e nas que desexas quedarte para sempre. O sutil e case imperceptible crescendo da xélida Desire, todo brilla de xeito cegador en ‘July’. Dende que as cordas toman por fin o dominio absoluto de Anyone Else ata que Holiday In fai que as nosas fantasías vaian á merda para sempre. Ou quizais sexa o tempo, pero o noso corazón fica baleiro mentres Nothing in My Heart nos anuncia a triste despedida. O punto final a un disco tan delicado e fermoso que ata causa desacougo. Fantástico.