Si, antes de que saia o listo da quenda, sabémolo. Somos conscientes de que vos estamos a falar dun disco de comezos de ano como disco da semana de finais de outubro. Pero dado que non estivemos moi avezados e falamos de Torres (Autoeditado, 2013) cando tocaba, aproveitamos que Mackenzie Scott volve estar de actualidade polo recente anuncio do cartel do Voces Femininas 2013 e comentámosvos o disco. Un disco, concretamente, que é unha gozada. Un dos debuts do ano. Un disco de clara tinguidura rock, dos que te namora a primeira vista, dos que non precisa de traballo, nin da eterna “mellora coas escoitas”, e que tan só pode ser acusado de pretender ser unha nova PJ Harvey cando é imposible que haxa outra PJ Harvey.
Benditas sexan as imbéciles comparacións cando comezamos co que importa. Cando comezamos coa música. Cando Mother Earth, Father God nos deixa coa boca aberta. Sen aire, buscándoo tras notar como o puño de Torres se incrustou na boca do estómago e nos deixou sen respiración. Cando queremos recuperarnos do golpe pero Honey vai facendo medrar no noso interior a sensación de que non hai escapatoria, de que Torres xa pode facer connosco o que queira sen que a defensa ou a pretensión de fuxida sexa unha opción real. Ou se cadra credes que non, e hai quen confía en que Rocky rexurda e consiga vencer nun combate no que todo semellaba perdido. Pero a voz esgazada das dúas primeiras cancións dá paso á fermosa sutileza que por nome leva Jealousy and I. A calma trala tormenta. Xusto cando comezabamos a estar listos para recibir outro puño, Torres rebéntanos a cara cunha caricia agarimosa.
Entón Torres xa pode comezar a baixar un chisco o ritmo. Xoga nun perfecto equilibrio de intensidade e falsa inxenuidade, seguramente con eficacia algo desigual. Non funciona igual unha November Baby algo á deriva, que unha When Winter’s Over que colle o timón con firmeza no medio da treboada, do caos e da ameaza. Unha confirmación de que estamos ante unha artista en completo estado de inspiración, non sei se puntual ou con esperanzas de perdurar, pero dende logo actualmente fantástica. Un traballo co que, tras sumirnos na derrota e dominación, xorden moitas vías nas que Torres se manexa con soltura, como esa Chains na que se pode entrever, como diciamos antes, á PJ Harvey do ‘White Chalk’, ou unha habilidosa sección de corda que viste a Moon & Back como un dos mellores temas do disco.
Seguramente un dos puntos álxido da parte final de Torres. Unha fantástica banda sonora para unha historia de ilusión e sufrimento, na que Come to Terms e Waterfall se funden entre lava xeada, cun perenne son trémulo que, moito despois de ternos rendido ante el, de ternos axeonllados en pura derrota, pon punto final a este fantástico traballo. Unha das mellores novas dos últimos meses, xa bastantes, redundando en que o disco viu a luz a comezos de 2013. Comprenderedes ao escoitalo que, mesmo con certa tardanza, non podiamos facer outra cousa distinta a recomendalo con toda a enerxía que sexamos capaces.
3 comentarios