Chegaron a un punto de non retorno. Quizais non para eles, pero si para os demais. Ou cando menos para os que temos que analizar que nos parece ‘Reflektor’, o cuarto disco de Arcade Fire. Os canadenses acadaron un punto de fama mundial tal, unha repercusión tan grande, que son case xulgados máis por ser Arcade Fire que pola música que fan. ‘Reflektor’ ergueu tanta expectación que seguramente só o retorno de David Bowie se lle pode comparar neste ano. E agora toca escoitar o disco. E escribir sobre el. Imposible que esta crítica vaia gustar a todos. ‘Reflektor’ supón un xiro arriscadísimo no son de Arcade Fire, que contou cun tal James Murphy para guiarse neste novo camiño. Se se fala ben de ‘Reflektor’ será porque os críticos están vendidos e entregados á causa. Se se fala mal, será porque como Arcade Fire se converteron nuns xigantes da música, pois hai de darlle cera si ou si.
Pero toca mollarnos. Nos primeiros temas de ‘Reflektor’ a sorpresa é escasa. Xa coñeciamos case tódolos temas. Dende o inicio desa canción de sete minutos e pico deseñada para pistas de baile chamada Reflektor, ao ton oitenteiro machacón de We Exist. A liña mestra estaba trazada. Arcade Fire lanzábanse ao baleiro, estaba por ver se con rede. Abandonan (case) o rock & roll para entregarse á música dance. A sorpresa inicial é maiúscula, e tardamos máis dun intre en decidir se adoramos esta nova vía, ou a detestamos. Trala filtración en ínfima calidade do venres, e a resposta inmediata da banda deixando escoitalo en streaming, en mellor calidade, o certo é que, con algún reparo, o resultado satisfai. ‘Reflektor’ é un gran disco, cheo de cancións de bela factura, pero co denominador común de que varias delas son innecesariamente longas, e corren o risco de aburrir. E resulta que cando se van aos temas curtos, tralo acerto de Reflektor e We Exist, Flashbulb Eyes oposita claramente a converterse na peor canción que Arcade Fire gravaron nunca.
‘Reflektor’ é un dobre LP (ou cd, vaia). E ese dato non se queda na mera anécdota. Hai un troco claro entre ambos discos. Ese afán por facernos bailar está moito máis presente no primeiro tramo, no que o paradigma dos saltos e danzas sería a demencial Here Comes the Night Time, unha canción tan incrible dentro do repertorio de Arcade Fire, como máxica e enérxica. Xusto despois, volve o rock & roll, en Normal Person, probablemente o tema que máis nos lembra á banda de sempre, e que amosa que David Bowie tivo que ver en ‘Reflektor’ algo máis que uns coros ao final do single orixinal. Non sei se o mellor, pero seguramente un dos temas que conecta máis axiña co que todos agardamos de Arcade Fire. Afrontamos, por fin, a incógnita con You Already Know, que remata moito mellor do que comeza, pero ten un aroma algo hortera co que en principio custa conectar, e o espírito punk da afrancesada Joan of Arc, histérica pero agradábel, redundando nuns coros que son unha liña continua en Reflektor.
O segundo disco é máis arduo. Unha Here Comes the Night Time II infinitamente máis contida, lenta e morriñenta que a anterior versión. Comparte, porén, o mesmo encanto e dá paso a un momento no que se agradece infinitamente Awful Sound (Oh Eurydice), que volve vestir ‘Reflektor’ de ruído, de redención, e tamén dun toque, de novo se cadra, algo vulgar. Similar liña a seguida por It’s Never Over (Oh Orpheus), canción que gusta pero non namora, salvo cando Win Butler se desviste de arranxos, de coros, e busca esa intimidade cara o final da canción. Porno ten un título atractivo, e un son que fai honra ás bandas sonoras do xénero, pero non paga a pena. En resumo, irregularidade, altibaixos, momentos fantásticos e outros de torcer o xesto, ata que chega Afterlife para pór todo no seu sitio, outro dos mellores temas de ‘Reflektor’, que xa se amosou como un hipotético disco fantástico de 50 minutos, e como un regular de 75. Seguramente, o peor disco de Arcade Fire ata o de hoxe. A partir de aí, discutamos o que queirades. Como que, por exemplo, a pesar diso é un traballo máis que notable.
1 comentario