Top 10 do 2013: discos

Top 10… e propinas. Puntuais a unha tradición milenaria (aínda que en realidade comezase o ano pasado), acudimos á vosa demandada cita de resumir segundo o noso nulo criterio o 2013 nun puñado de discos. E claro que sabemos perfectamente que estades ata as narices das listas musicais, que cada un ten a súa e que cada ano comezan a darse antes. Que a este ritmo comezamos en agosto, e que xa non queredes saber nada máis delas… pero é que o conto é que a boa é esta.

A lista foi concibida como un Top 15, pero para non rachar o equilibrio que esta santa casa pretende acadar en tódolos seus resumos do ano, acotámola, e falamos dos postos de honra que quedaron fóra.

*Premede sobre o título do disco se queredes escoitalo, e sobre a crítica se queredes ler o que este humilde servidor pensaba sobre o disco en cuestión hai tempo.

15: Arcade Fire – Reflektor: Crítica

14: The National – Trouble Will Find Me: Crítica.

13: Ty Segall – Sleeper:

12: Zola Jesus – Versions: Crítica.

11: Low – The Invisible Way: Crítica.

Mikal-Cronin-MCII10: Mikal Cronin – MCII: A marabillosa historia do alumno que superou ao mestre, aínda que fose momentáneamente. A Mikal Cronin coñeciámolo, básicamente, por acompañar a Ty Segall nas aventuras deste, pero agora o merecemento dun espazo propio está acadado. ‘MCII’ abre o noso Top 10 por ser unha das apostas máis refrescantes (si, con este frío igual non apetece a palabriña) deste 2013. A contaxiosa ledicia de Weight, as tenaces e poderosas Change, Am I Wrong, e as tenras apertas sonoras de Peace of Mind ou Piano Mantra. Un disco absolutamente imprescindible, como hai pouco xa vos lembramos. Crítica.

Sigur-Rós-Kveikur9: Sigur Rós – Kveikur: Os islandeses repiten na nosa lista do mellor do ano, e cun disco que ben podería ter sido gravado por unha banda diametralmente oposta aos do pasado ‘Valtari’. Os Sigur Rós máis descarnados e crus que nunca escoitárades. E tamén, os máis electrónicos. Aí está Brennisteinn para dar fe, con ese troco de rexistro a medio tema, que pon a pel de galiña, convertindo un bo tema, nun arrebatador. Sumádelle aos Sigur Rós máis cercanos ao disco dos cús en Isjaki ou Rafstraumur, cheos de enerxía e voces evocadoras. Cheos dos ingredientes que fixeron de Sigur Rós unha das meirandes bandas deste século. E en plena forma. Crítica.

torres_cover8: Torres – Torres: Case o mellor debut do 2013. Esa rapaza que de maior quere ser o que foi PJ Harvey de xoven. A rapaza que colleu a súa guitarra co modesto obxectivo de dominar o mundo. Obxectivo que apenas tarda os primeiros acordes de Mother Earth, Father God en acadar. Unha punzada no corazón, unha man escarvando nas túas vísceras e facendo que te postres ante ela. Se lle sumamos Honey e Jealousy and I como trio de cabeceira, temos un comezo que, por si mesmo, fixo méritos para entrar nesta lista. Voltar escoitalo, sentir o teu corpo tremer cando soa Moon & Back e Waterfalls, e Torres fai co teu corpo inerte o que lle veña en gaña. Tan bonito que doe. Crítica.

Victoria-Mística7: Triángulo de Amor Bizarro – Victoria Mística: No ano no que a música galega se alzou definitivamente co trono estatal (nesta lista poderían estar Lendrone, Unicornibot, Das Kapital, Caxade…), non podiamos deixar de mencionar aos reis do cotarro. Trala avalancha que supuxera ‘Año Santo’, a reválida saiulles case á altura aos de Boiro, de novo cun dos discos máis impactantes do ano. Xa xogan na liga dos grandes, da man dun traballo de especial reivindicación política. Ao berro de ‘Guillotina’, Robo tu tiempo quebra os tímpanos, e tira dese ruído que tanto adoramos. O disco máis pop de TAB, con cancións fantásticas, tan radiables como Estrellas Místicas, a planetaria Un Rayo de Sol, ou a enormísima Ellas se burlaron de mi magia. Sonríe, hostia . Crítica

The+Golden+Age+Woodkid+++20136: Woodkid – The Golden Age: Agora si, o mellor debut do ano. O francés Yoann Lemoine convertido nunha sorte de Leonardo da Vinci musical. Director de vídeos, home orquestra, arreglista. Un disco cargado de arranxos ata que desborda. Enervante e enérxico, inspirador e cheo de vida. ‘The Golden Age’ comeza coa canción que lle dá nome, que da man das seguintes Run, Boy, Run, cunha sección de corda fantástica, e The Great Escape, na que a batería quebra o reproductor para golpear directamente o teu espírito, fascinan de inmediato. E por se iso non vos convencera (que o dubido) sumádelle pezas de alta cociña como Boat Song ou Stabat Mater. Crítica.

781484053224_grande5: Scout Niblett – It’s Up to Emma: Xa, non teño perdón. Resulta que meto no Top 5 a unha muller da que ata hoxe non vos dixera palabra. Pero peor tería sido que me saltase o fantástico traballo dunha das nosas tolas favoritas, sen facerlle a homenaxe merecida. Unha lista copada por mulleres con guitarra. E dentro das mulleres con guitarra, o rock seco, cru e devastador de Scout Niblett foi o mellor deste 2013. Un disco non apto para tódolos públicos, un traballo que desliza as unllas pola pizarra, de arriba abaixo, provocando que algo se remova nas túas tripas. Un exercicio de rabia extrema. Unha marabilla xa habitual na estadounidense, das máis grandes da actualidade (mesmo cando nos queda por perdoarlle aquel concerto suspendido na noite do Samaín en Santiago de Compostela).

045778724918__72788_zoom4: Keaton Henson – Birthdays: En Disquecool somos moi fans deste londinense. Tan fans que nin sequera sabemos se ninguén o terá tan en conta coma nós fóra da súa familia. ‘Birthdays’ é o seu segundo traballo, un disco cheo de emotividade e fraxilidade. Como se durante horas estiveses construíndo un castelo de naipes, contento a respiración mentres soan 10 A.M Gare du Nord, You ou Lying to You. Nin pestañeas, todo se sostén sobre un fío ata que Don’t Swin desata unha tormenta imparable. Don’t Swim, se cadra a miña canción favorita de 2013. Kronos continúa esa forza imparable, que se convirte en exército seguindo a Keaton en Beekeeper ou deixándose derrotar en Sweetheart, What Have You Done To Us. Abrazade a Keaton, dádelle unha manta, permitídelle que pase dentro das vosas vidas. Logo non quereredes que marche. Crítica.

phosphorescent-muchacho-5203: Phosphorescent – Muchacho: Os máis listos sabiades que falarvos dun disco en decembro, que xa se editara en marzo, tiña trampa. ‘Muchacho’ foi medrando tanto que hai mes e medio entraría polos pelos no noso Top, e agora, se 2013 tivera 13 meses, sería candidato a todo. ¿Os motivos?, pois que non falla nada, que dende os inquedantes coros de Sun, Arise! temes que algo grande está por chegar. Que Song for Zula cho confirme con creces, coa beleza levada á hipérbole, e que a descarada Ride On/Right On conquiste o teu amor para sempre, mentres te debates en se The Quotidian Beasts é a canción que lle debate o trono de 2013 a Don’t Swim. Entre medias, pezas de orfebrería clásica como Terror in the Canyons ou Muchacho’s Tune. Sobresaliente.Crítica.

04-Vampire-Weekend-Modern-Vampires-Of-The-City2: Vampire Weekend – Modern Vampires of the City: Se fixésemos unha enquisa no universo musical, seguramente este é o disco do 2013 para a maioría. Imposible que o terrible atractivo de todas e cada unha das súas cancións non acabe por atrapar. Unha colección de singles sen fallo, na que, seguramente, destaquen especialmente Step e Ya Hey, pero na que digades o nome que digades, acertaredes. O mellor disco, e con boa diferencia, dos de Brooklyn ata hoxe. O pop vestido coas súas mellores galas, listo para presentar na reunión social máis esixente, na que bailar Unbelievers ou a trepidante Diane Young fose un final de festa soñado. Dos poucos grupos xa instalados nas cotas máis altas que mantiveron o tipo no 2013. Bueno, que o subiron. Crítica.

STANDSTILL-Dentro-de-la-luz1: Standstill – Dentro de la luz: Pois si. A escuridade, as pinturas sacras de El Bosco, o terror, as voces dende o mesmo cemiterio, os berros, o amor fraternal, o sexo, o oco da porta a través o que espías o que ocorre ao teu mesmo carón, o momento da mañá no que abrir os ollos custa, a luz. Dentro da luz é onde Enric Montefusco e os seus buscaron a continuación dos espectaculares ‘Vivalaguerra’ e ‘Adelante, Bonaparte’. Para min, o mellor grupo español (referendum mediante) do último lustro. O medo a quedarse durmido dentro da luz, a incógnita do prezo do bico que nunca che negaron. Pecha a porta sempre con chave, non tardes moito mentres agardas a recibir o bico dunha guerra que xa rematou. E se cadra estás incómoda entre tanta beleza, que non che cabe, pero atoparánnos despertos, metidos nos nosos corpos, con suor e sen palabras para o coro de anxos que escoito e que anuncia que xa non son un. Non sei se podo pedir volver comezar mentres penso en que me gusta tanto ir da túa man. Correos que deixas sen abrir, non sabes nin escribir, e se vises que non sei sequera se te recoñecerías entre días que medran e noites que non queren rematar. Son capaz dalgo máis, se consigo ver algo dentro da luz. Crítica.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *