Viñeron de Boiro para facerse amos do mundo. Ese podería ser o sensacionalista titular que resuma ‘Victoria Mística’ (Mushroom Pillow, 2013), terceiro disco de Triángulo de Amor Bizarro. O disco traía cola xa mesmo antes de ser lanzado. Concretamente, moita cola. Por agardadísimo, por ter pendentes a crítica e fans, por sufrir varios atrasos (principalmente nun proceso de misturas que se fixo eterno), e por milleiros de cousas máis. Entre elas, que o seu predecesor, ‘Año Santo’, recibira un unánime aplauso, a niveis que poucas veces se lembran na música estatal da última década. Tal fora o éxito, que ‘Victoria Mística’ se enfrontaba necesariamente a esa reválida. Era difícil crer que TAB fosen flor dun día, tanto os seus discos como, sobre todo, os seus directos, daban a entender que aquí había banda referente para moito tempo, pero o que se xogaban en ‘Victoria Mística’ era moito. O exame aprobouse, concretamente con sobresaliente.
Primeira escoita de ‘Victoria Mística’. Un chisco máis pop, Isa canta moito máis (quizais a primeira e a segunda conclusión sexan, no fondo, a mesma), e falta un single tan redondo como El fantasma de la transición ou De la monarquía a la criptocracia. Letras crueis, arrasadoras, incendiarias, comprometidas (uns TAB politicamente implicados?). Guillotina. Empeza Robo tu tiempo e o mundo desfaise. A forza da gravidade desaparece, cae a auga dos océanos, o inferno domina o novo sistema establecido, e cortamos o pescozo de todo aquel que nos está roubando a vida. Estrellas místicas podería ser ese single do que antes falabamos. Un corte que lembra aos The Pains of Being Pure at Heart (Rodrigo queixábase, con razón, nunha entrevista de que eles chegaran antes, de que quizais a comparación non sexa a máis axeitada), pero, en resumo, ese corte pop do que estabamos falando. Dúas cancións, vitoria xa conseguida. Claro que, no fondo, estas xa as coñeciamos, porque o propio grupo viñera avanzando algunhas cancións, para calmar a nosa sede incoercible.
Enemigos del espíritu, por contra, estaba noviña, a estrear. O resultado é o mesmo, a contundencia de sempre. E, se mo permitides, visto cos anos, unha evolución sonora brutal, dende aquel afastado ‘El hombre del siglo V’. Agora, ademais de moito potencial, en TAB vemos unha banda profesional, unha xente que traballa marabillosamente ben. E dando o triplo mortal, o máis difícil aínda no mundo das comparacións, por varios recunchos da fascinante Un rayo de Sol aparecen Los Planetas. Para escoitar en repeat ata que se funda o reprodutor. Un dos meus momentos favoritos de ‘Victoria Mística’. Psicodelia a toneladas antes de chegar a un Delirio místico que segue gustando moito máis ao resto do mundo que ao que isto escribe. Impresiona de non ter nada distintivo, pero no fondo ata un se dá conta de que busca escusas de home duro para non falar da absoluta perfección, e buscar puntos negros onde apenas os hai.
Antes falabamos de que fora un dos momentos favoritos deste disco. Pero é que agora chega Ellas se burlaron de mi magia. Miña nai querida. Un foguete, un puño na boca do estómago, un tiro que entra pola gorxa e che rebenta cada unha das sinapses interneuronais ata que abandona o teu cranio polo occipital. E mentres nos diluímos entre estertores premortem, Lo hispano marcha – La banca paga, remata de matarnos. O tiro de gracia, nun novo exemplo de TAB como conciencia de masas. E xa dende a extenuación que deixou ‘Victoria Mística’ en cada un dos oíntes, sen apenas folgos que queimar, De la mano de las almas oscuras e ese estoupido final de Clara pecha un disco que tardamos tres segundos en precisar volver escoitar. Xa entrou en nós, xa manipulou cada un dos nosos receptores, xa conseguiu crearnos un mono que temos que cortar. TAB acaba de rematar o seu terceiro disco. E que cada un tire para atrás o que guste, e repase que banda estatal ten, nos seus primeiros tres discos, tal expediente. A estes tipos non os compra moita xente. De feito, hai moita xente que os detesta, que din que son demasiado ruidosos, caóticos. Eu quero o voso sangue para min.