Filmin enche o verán de documentais musicais

Filmin Music Festival

Todo melómano é en potencia (e posiblemente xa na realidade) un amante dos documentais musicais. Calquera persoa pode selo se o documental é bo, pero os melómanos son (somos) os únicos que non sentimos certa preguiza ante a perspectiva de pasar dúas horas vendo cousas sobre un músico, un grupo ou un estilo en particular. Queremos saber, queremos ver, queremos saborear cada imaxe inédita. Se o documental é sobre alguén de quen somos fans, a nosa atención quedará absorbida ao 100% durante o que dure o filme. Si, os que vimos ‘No direction home’ dunha sentada, eses. Se é sobre alguén ou algo que non coñecemos tanto, tendemos a finalizar na Wikipedia buscando máis información. Os documentais musicais molan e estamos de noraboa: este verán Filmin, o noso adorado Filmin, ten unha oferta desas que non se poden rexeitar: do 15 de xullo ao 15 de agosto, 37 documentais musicais por 7 euros.

Que documentais? Que estilos? O certo é que hai para todos os gustos. Desde algúns de estrea, como ‘Thunder Soul’ (sobre unha banda de instituto dos 70 que se reúne 35 anos despois), ‘Auto’ (sobre a autoedición en España), ou ‘Hit So Hard’ (con Patty Schemel, batería de Hole, no centro); ata outros imprescindibles como George Harrison: Living in the modern world, pasando por algúns especializados en nenos prodixio, pequenas xoias para os amantes do britpop (‘Upside Down’, sobre Creation Records, ou ‘Pulp: The Beat is the law’), algúns sobre hip hop… O mellor é que vexades vós o catálogo.

Se despois de ver os 37 documentais de Filmin quedades con ganas de máis (é un xénero adictivo), podedes ir á fantástica selección que fixo Pitchfork hai un par de meses: 20 documentais musicais que se poden ver online de forma gratuíta, moitos deles non demasiado coñecidos e bastante imprescindibles. Tes de todo: sobre as drogas e os Rolling Stones, sobre David Bowie, Leonard Cohen, o grunge, o jazz, Sister Rosetta Tharpe, o ‘Transformer’ de Lou Reed, o coleccionismo de vinilos, Patti Smith, o house… Hai material para encher un verán non que non queiras saír da casa.

Para abrir boca podedes ver algúns dos tráilers dos documentais dos que nós somos máis fans. Despois ide a Filmin. Non hai escapatoria.

‘Pulp: The Beat is the Law’

‘Strange Powers: Stephin Merritt and The Magnetic Fields’

‘A Film about kids and music’

‘The New Raemon: A propósito de Rodríguez’

‘Youssou N’Dour: I bring what I love’

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *