Sinsal San Simón: volve o segredo a voces

Al-Madar no Sinsal San Simón

Quizais o mellor é que se non sabes que é o Festival Sinsal San Simón non sigas lendo. Aforrarás o sufrimento de descubrir un festival ao que quererás ir e que ten xa as entradas esgotadas. Non leas. De todas formas tampouco ías conseguir moita información. O cartel é secreto (aínda que as pistas deste ano parecen algo máis claras que as do ano pasado), así que non che podemos contar cales son os artistas invitados. Aínda que se cadra, como estamos a aprender grazas a este festival, o cartel é o de menos. O que importa é a música, a tranquilidade (ou non), a experiencia de deixarse sorprender. Algo moito máis doado de facer se non coñeces aos artistas e ademais estás nunha illa, o que dificulta bastante o de fuxir un anaco a outro lugar. Senta na herba, abre ben as orellas.

O noso festival favorito terá lugar esta fin de semana, o 27 e o 28 de xullo, na illa de San Simón. Un ano máis, os asistentes empezarán a encher os barcos e non saberán quen toca ata chegar, cando vexan o cartel na entrada (os do sábado, os do domingo posiblemente saiban xa todo). Algúns xa fixemos a nosa investigación (o de buscar en Google “‘tour dates’ San Simón” sempre revela un ou dous artistas, ademais das pistas que dá a organización), outros prefiren non saber nada e levar a sorpresa ao chegar.

Unha das novidades introducidas este ano son as Músicas Escondidas, un microfestival que terá lugar na illa despois de comer, entre as 15:45 e as 16:15, nas que é todo ao revés que no programa principal: aquí sabemos os artistas, pero non os espazos de San Simón nos que tocarán (de forma acústica). Lucía Riveiro interpretará as Cantigas de Amigo de Martín Códax; Alejandro Vargas, Lar Legido e Mónica de Nut presentan as Miniaturas Musicais de Granell; e Rafael Yebra interpretará ” Intercambios Sonoros co Espazo”.

Pero o festival Sinsal San Simón non será só música. Haberá tamén hortocosmética, da man de Yes I Can-Tree, cun Beauty corner to relax no que os asistentes poderán probar mascarillas de fruta de forma gratuíta, e aproveitar para saír do festival coa pel en moito mellor estado. Ademais, quen queira levar un pequeno suvenir para non esquecer nunca o evento, poderá facerse cun cartel serigrafiado (son distintos, o do sábado feito polo artista antiurbano de Vigo Peri; o do domingo a cargo de Ash Santos).

E si, maldita sexa, as entradas están xa todas esgotadas (unha das características deste festival é que o aforamento é moi limitado). Se tes a túa seguro que estás xa a contar os días. Se non a tes posiblemente o ano que vén esteas moito máis atento. Nós, polo menos, iremos compartindo vía Facebook e Twitter todo o que aconteza o sábado. Permanecede atentos.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *