O disco da semana: Ø4. El conjunto vacío, de Igloo

igloo_el_conjunto_vacioAproveitamos o parón habitual que sofren os lanzamentos discográficos durante os meses de verán, cos grupos máis pendentes de tentar rendibilizar as xiras estivais que de colocar no mercado novos traballos (salvo algún caso inaudito, como o de Triángulo de Amor Bizarro), para repasar algún traballo que se nos fora quedando atrás. E neste caso, de novo, o duns galegos. Non repetiremos (ou si), iso de que agora mesmo Galicia mira á cara ás vacas sagradas do indie español, con varias bandas entre as mellores que a día de hoxe se poden atopar por debaixo dos Pirineos.

Hoxe falarémosvos do cuarto traballo de Igloo, o grupo liderado por Beni Ferreiro, tralo seu xa afastado paso polos descoñecidos e fantásticos Overlook, que se disolveron entre os propios Igloo e Nadadora. Igloo lanzou hai un par de meses ‘Ø4. El conjunto vacío’ (Ernie Records, 2013), un traballo que supón un paso adiante tras dous discos previos, baixo o meu punto de vista, algo frouxos. E é que tras un debut fantástico, o camiño que foi trazando Igloo (con troco de banda incluído) semellaba moito máis dirixido a tentar triunfar nos directos, a pesar do certo desinterese que despertaba no estudio.

Non é o caso de ‘Ø4. El conjunto vacío’, ou cando menos, se ben se mantén o perfil de canción inmediata que semella deseñada para ser cantaruxada nos momentos indicados cando se leve a concerto, a escoita do disco se fai moito máis interesante, principalmente nas primeiras cancións. Pode, porén, caer no problema que ocorre en varios discos similares: que conectan moi pronto co oínte, mais van perdendo interese coas escoitas, carentes de máis orixinalidade, ou por abandonarse a un fío condutor sen demasiado espazo para o troco de ton. Comezan Igloo este ‘Ø4. El conjunto vacío’ coa que pode ser canción máis potente do disco, a máis desbaldidora de decibelios, de batería contundente e guitarras ben afiadas. La máquina de fabricar relámpaos convertese, pois, un inicio máis que alentador para os que, non nos escondamos, non agardabamos gran cousa deste disco.

E o conto é que as boas sensacións sen manteñen durante bastante tempo, e tras un paso testemuñal por unha especie de intro a destempo, que é Ø4. Zumbidos, chega o que a banda utilizou como primeiro single, radiable ata a extenuación, e que lle serviu de porta de entrada a unha presenza mediática de certa relevancia. Han Solo é un tema que funciona perfectamente para a misión encomendada, hit inmediato, por e para. Trala avalancha chega un deses momentos de calma, Todos los días amanece é un corte no que Beni se recolle, troca ese discurso que acusabamos (e seguimos acusando) de algo continuo, e convirte o tema en absolutamente preciso, en notable. Volven ao terreo marcado en Sinatra, outro dos temas máis destacables de ‘Ø4. El conjunto vacío’, que vai da man de Halloween vs Samaín, de marcado cariz electrónico. Sexto tema, todo moi bonito ata aquí. Ata aquí.

O problema é que aínda queda medio disco, e imos perdendo o interese, vai medrando a sensación de que todo isto xa o escoitamos, e aínda falta moito como para caer no desánimo. Pero imos caendo, máis que nos doa. Non hai ningún tema malo. Todo cumpre. Canción para el fin del mundo, cumpre. EX, cumpre, de feito esta cumpre bastante, espértanos de certo letargo. Pero todo vai deixando xa un poso de aburrimento que fai perder o gran optimismo que nos deixara as escoitas dos primeiros temas. Algo así como un gran Ep, metido dentro dun Lp bastante máis discreto. Queda, entre os pousos do café xa bebido, a lectura de que ese eternamente buscado paso cara o mainstream non acaba de chegar, que todo está rico, pero que tampouco é un restaurante que vaias recomendar encarecidamente a ningún bo amigo. Con todo, se un vai sumando éxitos presentes e pretéritos, Igloo xa ven sendo unha banda de certo peso, desas que un sempre pode ver sen temer pasar un mal rato.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *