Os festivais (galegos) que veñen: agosto 2013

festivalAgosto está xa case aquí e si, agora parece que a calor xa marchou para sempre, pero iso non significa que o mes de verán por excelencia perdese outras das súas cualidades. Os días seguen a ser longos, moita xente aproveita para coller vacacións e, os que non, teñen en xeral un ritmo máis baixo, contaxiados pola calma que de súpeto parece tomar as rúas. E, por suposto, continúan os festivais de música en todas partes. Ao igual que fixemos en xullo, en agosto queremos centrarnos en festivais galegos. Porque o de Paredes de Coura supoñemos que xa estará marcado en vermello nas vosas axendas, non? (Belle and Sebastian! Belle and Sebastian!) Hai moitos festivais en Galicia en agosto, dos que nós seleccionamos catro:

Noroeste Pop Rock. Praia de Riazor (A Coruña), 9 e 10 de agosto.  Houbo un tempo no que Suede era a banda á que vira máis veces en directo. Viñan por Galicia e ían a calquera festival ao que eu mercase entrada. E nunca fun unha fan total, pero os seus concertos tiñan sempre unha garantía: eran un hit tras outro, non deixaban respirar, e Brett Anderson ameazaba con darlle un microfonazo a alguén do público. Eles tocarán o vernes 9 de agosto no Noroeste Pop Rock, teloneados por Younger Boys e Sabdios. O do sábado é un cambio de estilo total, pero tamén un espectáculo asegurado: Los Enemigos e Kiko Veneno, teloneados por Doctor Gringo e Moondogs Blues Party. Oh, e é gratuíto.

SonRías Baixas. Bueu (Pontevedra), 2 e 3 de agosto. O SonRías Baixas ten este ano dous aspectos moi cool que fan que queiramos ir. Por un lado, ofrecen unha opción de glamping para quen vexa que é xa moi maior para unha acampada festivaleira clásica e, por outro, algúns dos músicos participantes, ademais de amosar a súa mestría no escenario, estarán detrás dos fogóns e farán de comer para os asistentes. Os chefs serán Juankar de Boikot, Fon Román, e o pianista Enrique Otero (Banda Crebinsky). O cartel inclúe a Los Enemigos, Dakidarría, The Toy Dolls, ou Riot Propaganda. O abono custa 24 euros.

V de Valarés. Praia de Valarés, Ponteceso (A Coruña), 17 de agosto. Unha praia, un festival, dez grupos por dez euros, a natureza, a ecoloxía… O festival con V de Valarés leva xa uns anos levando a música á praia, e 2012 non é unha excepción. Tocarán El Columpio Asesino, Los Coronas, Tachenko, The Bright, Mvnich, Fuel Fandango…

Brincadeira. Ordes (A Coruña), 9-11 de agosto. Estivo a piques de desaparecer, pero a edición deste ano do festival Brincadeira promete ser unha das máis grandes. Trasládase a Ordes, á beira do río, onde se montará Ghost Town ou Cidade Fantasma, o que será o recinto do festival que, segundo o plano da web, parece algo inspirado no Salvaxe Oeste. O cartel ten de todo: desde Guadalupe Plata e Pony Bravo ata Cañita Brava e Chimo Bayo, polo que a diversión está garantizada. O abono para os tres días custa só 15 euros.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *