O certo é que a meirande parte dos grupos pop-rock sudamericanos non me engancha. E onde digo a meirande, digo que o único que conseguiu facelo foi o que hoxe nos ocupa. Seguimos repasando discos algo atrasados non dotados do protagonismo merecido neste, o noso espazo. E aproveitando a recente parada que os arxentinos Él mató a un policía motorizado fixeron ao Portamérica, hai preto de dez días, quero falarvos da delicia pop que é este ‘La dinastía Scorpio’ (Limbo Starr, 2013). Un conxunto de cancións fantásticas, inmediatas (non confundir, neste caso, inmediato con “que envellecen mal”), cargadas de enerxía e algún toque de psicodelia. Primeiro disco con discográfica que distribúe por España, e segundo, tras un debut en Lp hai xa oito anos. Aposta polos Ep’s entre medias, curiosa fórmula, pouco habitual fóra do mercado anglosaxón.
O poder de Él mató a un policía motorizado reside na impoñente presenza do seu líder, Santiago Motorizado, físico poderoso para voz aguda e persoal. En ‘La dinastía Scorpio’ existe un discurso baseado nas guitarras, cunha intro de delator título El magnetismo, que vai captando unha atención que se mantén xa completamente fixada cun dos primeiros temas que namora inmediatamente, Mujeres bellas y fuertes, con esa entrada clásica de ritmo dinámico de batería e riff afiado de guitarra. Unha preciosidade pop que se ve mesmo superada por esa cousa tan bonita que é Chica de oro. Un deses temas picables ata dicir basta, cantaruxables, cantables a voz en grito durante o atrouso. O primeiro terzo de ‘La dinastía Scorpio’, o máis comercial, por dicilo dalgún xeito, remata con Más o menos bien, outra canción que gusta dende a primeira escoita, e que ten a difícil virtude de non aburrir co tempo.
Aínda que o de rematar é un dicir. Porque Yoni B non perde nin un milímetro de enerxética posta de longo, devolvéndote a unha idade á que hai tempo xa non pertences. E se cadra temos tempo entón para que El mató a un policía motorizado comece a experimentar co son. Xa amosaron o poderosos que poden ser cos temas de corte máis radiable, pero, como se visen vir que poderían ser acusados de banda sen fondo creativo real, os temas que forman a cara B de ‘La dinastía Scorpio’ xogan con desenvolvementos máis longos, con orquestracións laboriosos e con bo peso de psicodélicos xiros. Así, tras unha sorte de balada algo insignificante, Nuevos discos medra como un deses experimentos encantadores, onde as guitarras se libran da necesidade de que todo quede bonito e presentable, e poden soltarse ao caos.
Tamén hai espazo para unha lembranza aos primeiros Los Planetas (o propio J fala marabillas da banda, e tenta apadriñala alá por onde vai), en La cobra, pero sobre todo na preguiceira Noche negra e La cara en el asfalto, nas que semella que o mesmo Florent colle a guitarra solista e se anima a colaborar. Preparando un final de xeito máxico, ao que os case oito minutazos de El fuego que hemos construido lle sentan de marabilla. Poñen o peche perfecto a un disco que namora xusta e necesariamente. Afastado de moitas das trampas nas que caen bandas latinas (cando menos, das que coñece servidor), do que semella estritamente preciso: fusionar a esencia básica do pop-rock con elementos do folk patrio. El mató a un policía motorizado toma unha saída diferente á da maioría, e iso aporta unha frescura dificil de atopar noutro lado.