Música no claustro: un festival na catedral tudense

Cartel Música no claustroIncluso para os que non somos relixiosos, as catedrais teñen algo de máxico: polos séculos pasados desde a súa construción, pola espiritualidade que concentran, pola historia que se adiviña detrás de cada pedra… E a catedral de Tui non é a excepción. Con aspecto defensivo e robusto, esconde o único claustro gótico conservado orixinalmente de toda Galicia, ademais dun pequeno xardín con inmellorables vistas sobre o río Miño. Que mais se pode pedir?

Que a arquitectura se alíe coa música, e mesmo outras disciplinas artísticas, nun festival artístico aberto e innovador. É o que propón Música no claustro, que se celebra entre o 7 e o 11 de agosto. Moito choveu  (9 anos) desde que tres músicos tudenses decidiron facer un pequeno festival no que tocar para a súa xente, e desde esa, cada ano o festival foi crecendo de forma orgánica, tanto en público ou número de actividades, coma na traxectoria dos participantes, tal e como explica o seu director Samuel Diz.

Nesta novena edición, o festival Música no claustro centrárase na creación contemporánea galega, a través de creacións como a do grupo  aCadaCanto, que cantará a Rosalía de Castro e presentará un proxecto audiovisual gravado nos últimos meses na catedral. O grupo está formado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández, quen gozaron dunha residencia artística  de tres anos no festival, e que agora protagonizan a noite do sábado. Podedes ver un teaser no vídeo de abaixo:

Tamén atoparemos no claustro unha mostra da verba feminina galega do momento, a través da poesía de Silvia Penas e o rap de AÍD, así como o “Método Cardiofónico” de Germán Díaz (zanfona/jazz), proxecto que naceu a partir das gravacións de latexos de corazón realizadas polo Doutor Iriarte na década dos 40. Completa o cartel musical a “Guitarra clásica galega” do propio Samuel Diz e o Ciclo JLMúsica de novos intérpretes, no que algúns estudantes do conservatorio de Tui ofrecen  unha actuación de 10-15 minutos antes de cada concerto, a modo de teloneros.

Pero Música no claustro é moito máis que música: obradoiros para nenos, danza, conferencias musicolóxicas, visitas nocturnas guiadas polo triforio e cuberta da catedral, unha mostra de artesanía galega ou descenso do Miño en kayak entre outras moitas actividades que podes atopar no programa do festival. Todas as actividades son de balde a excepción das visitas guiadas.

Unha boa ocasión para achegarse a Tui e gozar da catedral (e da música) dun xeito diferente.

Shares

    2 comentarios

    • Bego di:

      Un luxo ver aos aCadaCanto durante case 2h nun marco incomparable como o claustro da catedral de Tui…
      Un luxo!!!

    • Agradecidos, moi agradecidos, por estas verbas e presenza de Música no claustro en Disquecool, lugar onde soños e ilusións conviven nunha mesma lingua.

      Grazas por compartir con nós esa inesquecíbel experiencia, Bego!

      Unha aperta, Samuel

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará