Atardeceres no Gaiás, música (gratis) na Cidade da Cultura

AtardeceresnoGaisO panorama é curioso: un par de avós sentados nunhas cadeiras, uns cantos modernos ocupando os pufs feitos con velas que a organización dispersa pola rampla (esa que a todos os nenos encanta)  e un escenario decorado con bandeirolas de cores divertidas. No escenario, a Orquestra Os Modernos con ritmos verbeneiros de antonte. Todo iso era o que se podía atopar o sábado, coa caída do sol, no alto do Gaiás. Un ano máis, a Cidade da Cultura, en Santiago, acolle os Atardeceres no Gaiás, un ciclo no que os xoves, os venres e os sábados recíbese á noite con música variada. En pasadas edicións tamén había poesía, aínda que este ano só a limitaron a un recital musical con Alberto San Juan a finais de agosto.

A iniciativa comezou alá polo 2011  (cando estivemos entón alguén propoñía que o fixesen tamén no outono poñendo mantiñas) e continúa este verán. Empezou o 4 de xullo e rematará o 31 de agosto, todos os concertos son gratis e o calendario posiblemente teña algo que guste a todo o mundo. Segundo o programa, hai “electrónica, pop, rock, funk, hip hop, folk, punk, clásica”. Para o que queda de agosto quedan Tachenko o 15, a Orquestra de Cámara de Galicia o 16 e o 30, The Ladies o 17, Nagai+Xenderal+Máquina de meter medo o 22, La negra o 29 e Fanfarlo (o que para algúns é o prato forte) o 31 de agosto. Todos os concertos comezan ás nove da noite e rematan cando o sol se acaba de poñer no horizonte. 

Se se está en Santiago, paga a pena subir ata á Cidade da Cultura. A nosa recomendación é que o fagades en coche. O autobús urbano para subir ata alá é unha sorte de lotería (suponse que os sábados hai unha prolongación da liña C11 que pasa por Xeneral Pardiñas ás 20.05, pero é unha suposición) e non teredes de volta ata as 22.45.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *