Dvelas: reconvertendo as velas en mobles

Dvelas

Tras toda unha vida de navegación, as velas dos barcos nin sequera pasaban a mellor vida. Poñíanse velas novas e as vellas acababan no lixo, sen ningunha gloria. Ata que un grupo de arquitectos e deseñadores se preguntaron como se podía tirar un material como aquel.”Perde calidade para navegar”, explicábanos Esperanza Kahle durante a Product Design Madrid, “pero segue sendo bo”. Así foi como  naceu Dvelas, unha empresa bastante sorprendente que fai “deseño contemporáneo con material reciclado”. A materia prima é, como o seu nome indica, as velas e a lista de produtos que fabrican con elas é do máis variada.

Comezaron facendo mobiliario, pero agora se lanzan incluso a pola roupa e os complementos (como bolsos) en colaboración con Baruc Corazón“As velas ofrecen moitas posibilidades creativas”, apunta Esperanza Kahle. No mobiliario para exteriores o potencial das velas semella claro: poden resistir todas as horas de chuvia que se lle boten porque están máis que pensadas para sobrevivir á auga.  As velas tamén poden ser empregadas para separar espazos, por exemplo. A súa textura e “a pátina do tempo” conseguen que as vellas velas transmitan unha sensación de calidez.

Dvelas

Cada un dos produtos é non só moi resistente senón que ademais conta cun pasado. Detrás de cada puf ou de cada cadeira está a historia dun barco, polo que en todos eles Dvelas inclúe unha etiqueta que permite descubrir de que barco e de que porto saíron as velas. As velas chegas “fundamentalmente dende as velerías”, dinos Esperanza Kahle, aínda que tamén hai particulares que lles venden as súas e outros que traen as velas dos seus barcos para que con elas lles fagan os seus mobles.  Xeograficamente, o norte de España e o sur de Francia (“dende A Coruña ata La Rochelle”) forma o arco do que saen a meirande parte das velas que empregan para facer os seus produtos. Non só este arco cantábrico conta cunha poderosa frota (e por tanto cunha maior probabilidade de rotación de velas) senón que a proximidade xeográfica (DVelas está en Pamplona) fai que sexa o destino máis accesible para facerse coa materia prima.

O resultado final é orixinal e ademais gusta. “O público, todo tipo de público, é moi receptivo”, dinos Esperanza Kahle, que conta igualemente que é “absolutamente diverso”, que abarca dende un público máis acomodado economicamente ata o estudante Erasmus que quere facerse cun deles. Os prezos dos produtos van dende os 300 euros dun puf ata os 600 dunha cadeira, cantidades que poden variar se se trata de edicións únicas ou limitadas. Con esta nova vida, as velas non só chegan por outra parte a este público tan variado senón que tamén viaxan. Dvelas vende dende en Estados Unidos ata en Colombia pasando polos países nórdicos (onde os seus produtos, por certo, tiveron unha moi boa aceptación”.

Fotos | Arraitz Koch e  Jorge Moreno para Dvelas

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *