UnDo ReDo, as vidas dunha cadeira

UnDo ReDoComemos nelas, traballamos, discutimos, xogamos, lemos, socializamos. As cadeiras son testemuña das vidas que se desenvolven sobre e ao seu carón. Moitas delas viaxan dun sitio a outro, cambian de dono e fogar, outras permanecen no mesmo lugar converténdose en espectadoras excepcionais da historia dunha familia, dun café, dunha escola. Se as cadeiras falaran… Para Luis Gil, Cristina Nieto, Juan Aradas e María Arizcun estas “pequenas máquinas perfectas” poden contar moitas cousas. Só hai que saber escoitar, entendelas, buscar as historias entre retallos de tapices e capas de verniz. UnDo ReDo é o nome deste fermoso proxecto que quere facer falar ás cadeiras. No obradoiro da rúa Juan Castro Mosquera da Coruña reparan pezas de todas as formas e procedencias, pero a iniciativa quere ser algo máis: un espazo de encontro e reflexión ao redor dos mobles, especialmente das cadeiras.

Luis e Cristina son arquitectos e amantes da cultura do moble. Tantas cadeiras coleccionaron que un día pensaron que había que facer algo. Co apoio de María Arizcun deron forma a UnDo ReDo, un proxecto paralelo á súa profesión como arquitectos, no que dar renda solta á súa paixón polo mobiliario, e en concreto, pola cultura da cadeira. “Non nos apetecía que fóra só un negocio, porque iso xa existe, senón algo máis aberto e enriquecedor para todos”, explica Luis. Por iso, ademais de arranxar mobles, en UnDo ReDo organizan actividades nas que reflexionar sobre o mobiliario desde outros mundos, como a narración oral, a literatura, a artesanía ou o deseño.

Outro dos piares da filosofía desta iniciativa é a idea da “reutilización e a recuperación”. “Todos son obxectos de segunda man, que xa estaban en desuso, e nós lle damos unha nova vida, combatendo todo o tema da produción e o consumo actual“, salienta Cristina. “Hai un montón de cousas que se poden salvar, respectándoas, aprendéndoas mentres as desmontas”, engade Luis. “Non é que esteamos en contra de que se comercialicen novos produtos, hainos marabillosos, senón que hai cousas ás que por pouco que fagas podes devolver á vida”.

Cadeiras_UnDo ReDo

Pero por que a cadeira? Que ten de especial? Para Luis e Cristina o que a primeira vista e sen previa reflexión pode parecernos un simple obxecto con patas representa todo na arquitectura. “A cadeira cumpre tres dos máximos preceptos: firmitas, utilitas e venustas“, explica Luis. Un asento debe ser firme e estable, e debe ter un uso (para comer, para traballar, para falar…), e dese diálogo de firmeza e utilidade nace o terceiro dos conceptos, a beleza. Por iso resulta perfecta para repensar a arquitectura. Con esta idea, UnDo ReDo editou o ano pasado o libro ‘La arquitectura como asiento y el asiento como arquitectura’, coa colaboración de Alvaro Siza, Luisa Castro e Herman Hertzberger, entre outros.

“Como arquitectos traballamos co espazo, tamén a propia cadeira crea espazo, e nos interesa moito ese diálogo que se crea entre as cadeiras e a arquitectura”, afirma Cristina. Luis apunta outra idea para a reflexión: os asentos son tamén “arquitectura dentro da arquitectura”. Nun edificio todas as casas son iguais, pero cada habitante aprópiase do seu fogar a través do mobiliario. “A cadeira é como unha especie de máquina perfecta pequena que se parece a un animal doméstico. Cada un ten o seu, todos os cans son parecidos, pero cada persoa escolle o seu. Iso fainos iguais pero diferentes”, conclúe o arquitecto.

Os mobles proceden de lugares tan dispares como Holanda ou Portugal, onde Luis e Cristina rebuscan en tendas, mercados ou mesmo na rúa. Pero ademais en UnDo ReDo tamén se ocupan das cadeiras e outras pezas que a xente leva a arranxar, xa sexan coleccionistas ou veciños. Este é outro dos puntos importantes na filosofía da iniciativa: a conexión co local, “que o barrio se sinta parte do negocio, e o negocio parte do barrio”. Así, pese a vender por internet e adquirir mobiliario en diferentes países, o proxecto quere enraizarse no seu contorno.

Todas estas circunstancias fan que as cadeiras e o tipo de público que acode a UnDo ReDo sexan moi diversos. “Podes atopar desde iconos da arquitectura e do deseño, a cadeiras -que son as que máis nos interesan- anónimas, atemporais, cadeiras de sempre”, explica Cristina. Pezas con valor sentimental, no caso por exemplo dunha herdanza, pero tamén funcional, como explica o feito de que unha velliña do barrio encargase acurtar as patas do seu asento para poder chegar ben ao chan. Veciños, coleccionistas e amantes das Thonet acoden á chamada desta iniciativa, que busca devolver a vida a obxectos que por motivos distintos todos eles aprecian.

Juan é o encargado de redescubrir estas pezas no obradoiro. Ao desmontar as cadeiras e retirar as capas de pintura e verniz vai descubrindo as modificacións que o asento experimentou ao longo do tempo. Así, separando todas as súas pezas e volvendo a xuntalas reencóntrase coa persoa que noutro tempo e noutro lugar construíu a cadeira. “Os ceramistas chaman á acción de darlle á roda co pe ‘falarlle á roda’. Do mesmo xeito, cando tes desmontada a cadeira, esta fálache. Di o que era, e vas vendo o que se lle pode facer”.

A que cadeira lle tes especial cariño?


Cristina: As que están neste momento no escaparate da tenda. Unha parella de cadeiras de tres pés de escola. É unha cadeira da que todo o mundo namora. É un asento máis ben infantil, de escola -iso cremos, non coñecemos a procedencia-, que ten só unha estrutura metálica con tres patiñas. É moi sinxela, moi orgánica, parecen dous animaliños falando. Eu estou namorada destas dúas cadeiras.

Luis: Mercamos moitas cadeiras españolas dos anos 70 e 80. Naqueles anos houbo unha explosión do deseño, non só en Cataluña, senón tamén no País Vasco, Valencia… Son pezas que de momento teñen pouca saída comercial e que nos apetece salvar. A cadeira Sevilla, de Pep Bonet, por exemplo.

Juan: Son moi volátil, estou namorada de cada unha que aparece por UnDo ReDo. Pero o verdadeiro amor foron as Thonet. Son realmente incribles. Poden vir completamente desfeitas e resucitan por completo. Tamén unha na que estou traballando ultimamente, a super lixeira de Gio Ponti, unha cadeira que parece estar feita con paus deses dos polos. É unha estrutura moi potente que non pesa absolutamente nada.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *