The Tree Project: street-art que lle pon cara ás árbores

Son unha constante nas historias e nos contos para nenos. Neses libros ilustrados, cada vez que o personaxe principal entra nun bosque as árbores cobran vida. É fácil sentirse observado, é doado notar os ollos das árbores nas nosas costas, ver que as súas sombras se moven. E non fai falla ser aínda pequenos para sentir todo isto, a fascinación dos bosques e das fragas pode chegarnos en calquera momento. E se estás en Dinamarca, Alemaña ou Francia, pode ata que vexas que as árbores teñen cara. Non, non estás tolo. É un proxecto de street-art.

Trátase de The Tree Project, un proxecto artístico creado polos artistas alemáns do Zonenkinder Collective e que se vén desenvolvendo xa desde 2006. Inspirados pola “beleza e decadencia” da natureza, os artistas pintan ollos, caras e expresións ás árbores, intentando plasmar o seu “espírito” e os seus soños. “Adornándoos e vestíndoos enfatizamos a nosa conexión próxima e única coa natureza”, din os artistas.

Estás a preguntarte se este proxecto non será malo para as árbores, non te preocupes. Desde o colectivo Zonenkinder aseguran que para todas as súas accións utilizan pinturas biodegradables que desaparecerán co tempo.

Quen se anima a traer este proxecto a Galicia? O de “O bosque animado” tería de súpeto moito máis sentido!

(Pincha nas fotos para acceder á fotogalería)

Fotos | Zonenkinder Collective

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *