Paredes de Coura, un ano máis

*Colaboración especial de Sabela 

Paredes de Coura

Un ano máis, chega o Paredes de Coura, unha cita consolidada na axenda de calquera festivaleiro, xa que ademais dunha excelente selección musical destaca o entorno natural. Por se alguén non o sabe o festival ten lugar á beira da praia fluvial do Taboão, onde é habitual que asistentes e artistas coincidan (sempre quedará na memoria aquel ano que Erlend Oye, dos Kings of Convinience, dixo que pasear en barca polo río foi a máis preto que estivo do ceo). O escenario principal está situado ao final dunha ladeira natural e rodeado de árbores, isto é, todo herbiña e nada de cemento. Todo isto a un prezo asumible e cunha selección de bandas do pasado, do presente e do futuro, pois cada ano hai algunha que remata por converterse en “grande”.

Aínda que xa levan dous dias de festival, a noite pasada é a que levábamos agardando con máis devoción dende que saíron os horarios con The Knife e os Hot Chip para o mesmo día, e vaia día! Porque houvo grandes nomes nos escenarios con acento británico como os Everything Everything, co seu hit Cough cough con falsete incluído, a psicodelia dos Toy (ollo que a teclista é de León) ou o pop sempre recomendable de Verónica Falls.

Pero o que nos interesaba de verdade eran os The Knife, somos fans dende que escoitamos por primeira vez o ‘Pass this on’ (fantástico vídeo), do ‘Deep cuts’, alá polo 2004. Nove anos despois viñeron a Portugal para presentar o ‘Shaking de habitual’, un traballo que vén precedido pola polémica dos seus directos. Que se non cantan eles, que si, que que é iso que fan no escenario. Nós non podemos estar máis contentos con tanto rebumbio e estamos desexando velos. Pola outra banda, ós Hot Chip xa os coñecíamos en directo e son unha aposta segura para bailar e pasalo ben, grandes temas e unha boa banda de directo. Sabiamos que era  difícil que a tocaran, pero sabemos que algunha vez fixeron una versión de ‘Shewolf’ de Shakira (si, ‘La loba’).

E como o corpo aguanta aínda tivemos a oportunidade de bailar mais con John Talabot e os The 2 bears, proxecto pararelo de un dos Hot Chip.

Foto | Hugo Lima, para Paredes de Coura

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *