Paredes de Coura, días de aerobic protest

*Colaboración especial de Sabela

Paredes de Coura 2

Chegamos a Paredes cando Widowspeak comezaban a interpretar unha versión do ‘Wicked Game’ de Chris Isaak, esta vez en formato dúo con guitarra e baixo. Ofreceron un concerto intimista na onda do dream pop.

Abrindo o escenario grande saíron os Everything Everything, co seu pop polirrítmico e guitarreiro e sobre todo co falsete de Jonathan Higgs, acompañado polos coros dos seus compañeiros. A unha canción do final cambiamos de escenario para ir ver uns Veronica Falls de negro rigoroso e abrigadísimos para o calor que ía e que deron un concerto irregular. Os de Londres son un grupo de pop que en disco nos gustan moito pero que non acaban de convencer en directo. E non será por non ter bos temas…

Sempre hai un grupo que paga as consecuencias de tocar con demasiado sol e estes foron os Jagwar Ma, unha mistura de pop psicodélico e dance.

De volta correndo ao palco/carpa Vodafone, que deu algún que outro problemiña técnico, para ver aos ingleses Toy coa súa proposta de psicodelia e kraut.

Vimos aos Vaccines por primeira vez no Primavera Club de Guimarães no decembro pasado. Daquela xa pensamos que se as cousas non se torcían serían os próximos Strokes. No que a audiencia se refire está a conseguilo porque a ladeira estaba ateigada de xente. Cun repertorio moi similar ao que vimos hai uns meses, decidimos cambiar de escenario cando acabou o hit Post-Break Up Sex para ir ver a Little Boots.

Little Boots saíu hai uns anos, polo 2008, xunto con outras ciberestrelas encumbradas polos blogs como La Roux. Nalgunha entrevista aseguraba que o que quería era ser unha diva do pop, así que pareceunos un bo momento para comprobalo. O certo é que este tipo de propostas electrónicas melloran moito coa banda, así que anotou un tanto e conseguiu facer bailar ao máis parado dos que estabamos alí con temas como Earthquake e rematou co público facendo os coros de Shake.

Foi acabar Little Boots e ir de volta para o escenario principal para conseguir un bo sitio para ver aos Hot Chip. Era a terceira vez que víamos aos freaks máis sofisticados e o que máis nos gusta é que sempre presentan as cancións dunha forma diferente e completamente distinta ao disco. Un concerto para bailar que comezou con ‘How do you do?’ E que seguiu coa batería de éxitos encadeados habituais con mini-baile incluído, Night & day, Over and Over, Ready for the floor, Boy from school… O magic moment chegou ao final do concerto cando Joe Goddard, si o gordiño que non para de mover os ombros arriba e abaixo, saíu ao medio do escenario e abrazou a Alexis saudando ó público cando interpretaban I feel better. We love you Hot Chip!

A máxima atracción do festival fixo saír a un home cheo de purpurina que nos invitou a prepararnos para o concerto que nos esperaba, se queríamos ver a The Knife tíñamos que prepararnos. Como? Non hai nada como facer aerobic, aerobic protest. Así como o ledes. O homiño tívonos estirando os músculos o tempo necesario como para que deixara de ter gracia o asunto. Tras case media hora, por fin The Knife. Ataviados con capas, purpurina e chándales comezaron moi sombríos con ‘A cherry on top’. Acompañados de estraños instrumentos de percusión, xilófonos xigantes, batería electrónica e un arpa con cordas fosforescentes de cores, continuaron cun autentico espectáculo de baile. En total oito persoas no escenario, sete mulleres e un home, Olof Dreijer, que xunto coa súa irmá Karim forman o dúo sueco. Durante o concerto intercambiáronse entre todos cantando, tocando diferentes instrumentos e interpretando as diferentes coreografías que compoñen este Shaking the habitual Tour. Como di o título do tour e tamén do disco, The Knife queren axitar e cuestionar o habitual e é por iso que planean unha proposta inusual para este tipo de eventos. É o que ten ser o máis moderno. Polo que, atención contén spoiler, tivemos momentos de playback, ximnasia rítmica, bailes colectivos, coreografías e intercambio de cantantes. As cancións en si estaban máis ou menos modificadas. Un dos momentos álxidos foi a interpretación de One hit onde os compoñentes reconvertidos en magníficos bailaríns, como se se tratase dunha peza de danza, escenificaban a cara oculta das familias aparentemente perfectas. Se ben podiamos diferenciar aos dous irmáns do resto da aliñación (a Olof non era difícil por ser o único rapaz), ás veces as cancións podían estar interpretadas por tres rapazas, a propia Karim, calquera outra ou incluso, como xa dixemos, por ninguén. Pechando precisamente cunha Silent Shout moi festiva. Bravo.

Despois pouco tempo tivemos para gozar de Jonh Talabot con gorra pero sen careta porque estabamos ben cansas. Unha mágoa, porque a súa música elegante e chea de matices é tamén moi interesante para escoitar en directo. Tamén perdemos a oportunidade de ver a The 2 bears. Alguén nos conta como foi?

Foto | Hugo Lima, para Paredes de Coura

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *