V de Valarés: un festival como os das películas

2

Praia, música, acampada, amigos e, sobre todo, música. Valarés é o festival ao que estamos acostumados polas películas. Un recuncho apartado do ruído das cidades entre as árbores e o mar onde bailar toda a noite. Pais cos seus fillos, universitarios aproveitando os últimos días do verán, adolescentes en pleno fervor hormonal e modernos, sobre todo, déronse cita nun festival que reafirma o seu éxito.

Aínda que o día era o típico dun verán galego (é dicir, tempo bo e cuberto a partes iguais), moitos intrépidos encheron a praia durante a tardiña e uns poucos bañáronse nun mar cuberto case todo pola néboa. A primeira actuación da tarde viña a cargo dos Tachenko. Nunha carpa preto da praia, a música escoitábase sen se ter que mover da toalla. Algo xenial se non fose pola cuestionable calidade do grupo zaragozano que empatou a número de desafines e aplausos.

Como en todo festival, eran moitas as guitarras e percusións que soaban entre as tendas de campaña. Quizais por iso, a actuación de Mvnich non contou con demasiado público. A imposibilidade de acceder ao recinto con comida ou bebida e a hora de comezo (as 21.00) fixeron que os vigueses contasen cun escaso apoio a pé de escenario pero fiel na zona de acampada desde a que se oía todo.

3

O rock do arxentinos Capsula encheu as primeiras filas de xente con ganas de bailar e comezar a festa. O cantante, Martín Guevara (unha especie de mestura entre Mario Vaquerizo e Jack White), entregouse a un Valarés que quería comezar a festa. Con moitísima máis potencia da que soan en estudio, este trío psicodélico deixou a pel nunha hora na que presentaron varias cancións do seu próximo disco “Solar Secrets”.

A noite xa caera e só uns poucos atrevidos quedaron na zona de acampada cando Los Coronas, o mellor deste festival para un servidor, subiron ao escenario. Cunha introdución que recordaba aos westerns de Sergio Leone, a praia de Valarés converteuse nun deserto no que se facía xustiza a golpe de riff de guitarra. Os madrileños gañaron o corazón do público coas súas versións de clásicos como “Tengo el corazón contento”. Fernando Prado, guitarrista do grupo, rematou o concerto destacando a importancia dos concertos en directo como parte indispensable da cultura.

Era o momento de El Columpio Asesino. A banda pamplonica tocou os seus éxitos “Toro” e “Corazón Anguloso” coreados por todo o festival pero sen conquistar. Quizais porque a banda non estaba excesivamente carismática (por non dicir nada), a xente veuse abaixo tendo que recorrer á cantina.

4

Pero este baixón durou ata que Fuel Fandango subiu ao escenario. A súa mestura de electrónica, flamenco e pop chegada dende Canarias namorou a todo o mundo. Unha hora de actuación que soubo a pouco tendo en conta que era o último grupo en tocar. Os sintetizadores e a espectacular voz de Nita deixaron ao público totalmente entregado a pesar de que xa ían máis de 6 horas de música.

Ao remate de Fuel Fandango, comezaron as primeiras retiradas á zona de acampada coa chegada dos DJs. Aínda así, a festa non parou e, entre as tendas, aínda se escoitaba a xente cantando as cancións que soaban no recinto. Ás dez da mañá, hora na que este “correspondente” marchou, aínda quedaba un DJ e unha ducia de intrépidos bailando ao carón da praia.

Quixera rematar lembrando dous grandes erros cometidos pola organización. A primeira é vender tickets de 0,5litros de caña e servir en vasos de 0,4l. Un festival organizado co patrocinio dunha marca como Estrella Galicia non pode enganar cobrando por algo que non é. Preguntados os camareiros da cantina (que, evidentemente, non son os culpables) un respondeu “Si, sabémolo. Por iso servímola sen escuma”. A segunda é o trato que se lles deu a algúns fotógrafos. Compañeiros de outros medios, e este mesmo medio, fomos con fotógrafos para dar conta de todo o evento. Sorprendente é o momento en que non se lles permite o acceso ao foso do escenario para sacar fotos mentres que a outros medios si.

Non entro a valorar máis estes dous fallos, que me parecen suficientemente graves, porque o festival deixoume bo sabor de boca. Se ven a organización cometeu estas grallas, as bandas que tocaron non teñen a culpa. Por iso, agardo que na vindeira edición a organización non repita estas desastrosas actuacións xa que V de Valarés estase a converter nunha cita inesquecible no calendario festivaleiro do verán.

Fotos | Beatriz Romero

Shares

1 comentario

  • Hola Beatriz Romero. No me consta en la lista de acreditaciones de fotógrafos tu nombre ni tu medio para acceder al foso.

    Por favor, contacta con nosotros para la próxima edición, así podrás cubrir tu crónica con fotos sin ningún tipo de problemas.

    Un saludo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *