*Colaboración especial de Sabela
Venres, día 16
Cando chegamos ao festival os Citizens! Acababan de comezar o seu concerto no palco/carpa Vodafone: Indie pop con teclados, que fixeron as delicias dos asistentes marcándose o Missing de Everything but the girl.
Alá que imos despois dos Citizens! para ver aos Peace no escenario grande; é unha das mellores cousas que ten o Paredes, apenas hai distancias. Esta vez a versión correu a cargo dos Pink Floyd, para rematar con Lovesick, que é como o seu single pero que non é nada representativo da súa música, porque son máis guitarreiros e menos edulcorados.
Aguantamos ben pouco escoitando o hardcore dos Iceage, a pesar da descarga de enerxía por parte do grupo e dos fans na carpa. En canto ao concerto dos The Horrors soou a horror ó principio. Ao fío das odiosas comparacións entre bandas, neste caso quedámonos coa actuación dos Toy do dia anterior. Aínda que o son foi mellorando, non conseguimos gozar dun concerto que alcanzou os mellores momentos con I Can See Trough You ou Sea Within A Sea. En parte tamén porque tiñamos diante a unhas rapazas cunha sandía con lingua como estandarte e un crocodilo feito cuns paus, que tería o seu aquel se nos deixara ver o concerto en paz.
Quedamos con ganas de ver máis da proposta oitentera dos Cold Cave, pero apenas chegamos a última canción. Echo and the bunnymen era o cabeza de cartel do día. Conseguiu reunir aos fans máis veteranos que festexaban emocionados cada canción e facer desaparecer practicamente ao público máis novo. Bos momentos con cancións alleas e propias como The cutter e por suposto, a arquicoñecida The killing Moon, pero en xeral un concerto pouco movido para a hora que era, que provocou grandes ocos incluso preto do escenario. Para desquitarnos, agardamos con avidez aos Simian Mobile Disco. Entre capas de fume rosa e focos non aptos para epilépticos adiviñábanse as siluetas do dúo que nos deixou bastante indiferentes.
Sen esperar a Delorean fomos para casa, despois de todo mañá sería outro dia.
Fotos | Hugo Lima
Pois a min o de The Horrors pareceume un concertazo… Citizens tambén estuveron ben, e Peace, para ver sentados na herba, pasaron. Deloran a ultima hora, foi unha boa forma de cerrar o dia….