Paredes de Coura: rematando por todo o alto (día 17)

* Colaboración de Sabela Correa

Comezamos o día cos Ducktails, co seu pop amable e cristalino. Días máis tarde estarían dando o seu único concerto en España da man de Desconcierto e o seu ciclo Terrazeando en Santiago.

Palma Violets, o grupo que foi aupado ao máis alto polo NME, animaron o ambiente coa súa actitude. Subindo literalmente polos andamios do escenario, tirándose cara ao público.

Phosphorescent protagonizou un dos mellores concertos do festival ata o punto de sacrificar os primeiros minutos de Calexico para velo enteiro. A proposta de Matthew Houck é unha especie de country rock moi orgánico acompañado de pinceladas de teclado, que xunto coa personalísima voz do cantante estadounidense encandilou a todos os presentes.

calexico

Como non había tempo que perder, fomos para o escenario grande e conseguimos colarnos ata as primeiras filas para non perder detalle do recital de Calexico, que xusto estaban rematando Minas de Cobre. Era a primeira vez que os viamos en directo, e podemos asegurar que son un valor seguro. A banda de Joey Burns e Jonh Convertino non defraudou coa súa música fronteiriza, básicamente contaxiaron a todo o público coas súas trompetas e converteron o concerto nunha verdadeira festa que parecía ter lugar noutra fronteira diferente da do río Minho. Entre os músicos (e cantante ocasional) encontramos ao español Jairo Zavala de Depedro, que é xa un máis do equipo. Casualidades da vida, xusto detrás de nós tiñamos a unha parella amiga de Jairo, que non paraban de chamalo e el de saudalos. Uns Calexico exultantes que mesturaron temas do seu último disco (‘Algiers’) con éxitos de sempre e que para ledicia do público fixeron unha, dúas e ata tres versións (guiño indie incluído) con ese estilo tan Calexico que parecían que eran súas de sempre. Fantástico.

bs

Como se non chegase coa felicidade que nos invadiu con Calexico, agora viñan os Belle & Sebastian, si, ese grupo que é capaz de mover fieis da outra punta do planeta. Nin que dicir ten que en Disquecool adorámolos e que se non é fácil ser obxectivos cos grupos que te tocan demasiado de preto, con eles conseguímolo porque teñen éxitos e táboas dabondo para facer un concerto redondo, infelizmente só dunha hora. Comezaron coa instrumental Judy is a dickslap, para continuar acompañados dun conxunto de violíns coa retahíla de marabillas pop como I´m a Cuckoo, The Blues Are Still Blue ou unha exquisita Simple Things. Coma sempre, invitaron a rapaces do público a saír a bailar con eles. Nalgún momento da noite Stuart dixo que xa había algún tempo que non visitaban Portugal, debeu ser iso ou que os de seguridade estaban disfrutando tanto do concerto que esqueceron as súas funcións, pois cando soou The Boy With The Arab Strap subiuse alí a aliñación completa de dous equipos de fútbol, incluídos os Palma Violets. Lembrádesvos daquela loira que ía totalmente á sua bola? Tamén houbo tempo para a reivindicación dun humilde instrumento como é a flauta doce, que riquiños. Para pechar o círculo remataron con outra Judy, Judy and the Dream of Horses. Como non tiñamos présa, regaláronnos de propina Get Me Away From Here I’m Dying. Véndoos deunos un xiro o corazón, xa estamos rozando a treintena e non cumpliramos os vinte cando os comezamos a escoitar. Como pasa o tempo!

Despois destes dous grandes concertos, tocáballes ós Justice Dj’s facerse cargo da situación. Pasáronse de rosca ao principio con tanta tralla para pasar a facer unha boa sesión onde cabía de todo e nós por suposto acabamos de exprimir as nosas forzas porque ata parece que é de mala educación non rematar un festival bailando. O momento karaoke chegou con Never be alone e a colina enteira cantando, para seguir con moito DaftPunk, o Freedom de George Michael, Marvin Gaye, David Bowie ou The Ronettes con Be My Baby. Non sabemos se foi accidental ou intencionado pero o certo é que lle fixeron unha cuña publicitaria incrible á compañía de telecomunicacións que patrocinaba o festival cando pincharon Bohemian Like You dos Dandy Warhols, elixida para un anuncio hai uns anos.

Muito obrigada Paredes e até breve!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *