Que si, que aparece un pouco de calor e nada apetece máis que botarse á estrada e ir bailando de festival en festival ata o corpo non aguante. Pero, en Galicia o calor chega… poucos días seguidos. Quizais pensando niso, e desde hai tres anos, e como xa vos contamos o ano pasado, nestas datas comeza o Filmin Music Festival. Nel poderemos desafogar a nosa vena festivaleira desde o sofá, a cama, ou desde onde teñamos conexión a internet. A golpe de ratón teremos a escoller moitos documentais relacionados coa música, varios concertos e tamén algunhas películas de ficción.
Delorean, Nacho Vegas, Dorian ou La Habitación Roja son algúns dos artistas que pasarán polo Escenario Menú Estéreo nun horario perfecto: cando nós teñamos ganas. Abonda con enchufar os altofalantes a todo volume para montar o noso propio festival no salón da casa, bailar a gusto ou gozar da música sen medo a enchouparnos vivos (algo que parece tendencia no verán festivaleiro galego).
Ademais, o Filmin Music Festival ten outros seis escenario máis: Mad Men, In-Edit, Let’s Get Jazz, Black Is The New Black, Off The Record e, como non, o Escenario Principal. Neles poderemos gozar de clásicos como o xenial documental sobre Rodriguez ‘Searching For Sugar Man’, ‘Let’s Get Lost’ de Bruce Weber ou filmes como a impresionante ‘Paris, Texas’.
Pratos fortes son ‘Mistaken For Strangers’ e ‘Attack The Block’. A primeira, é un documental sobre o grupo The National gravado polo irmán do cantante Tom Berninger. Para a xira europea, Matt convenceu ao grupo de engadilo como roadie coa escusa de que gravaría un documental, mais a inexperiencia de Tom sumada á súa desorganización e aos seus medos e emocións fará que o documental esqueza á banda e se centre na relación dos dous irmáns de Cincinatti. A segunda, ‘Attack The Block’, é unha estupenda comedia que mestura rapaces en bicis con alieníxenas, todo salpicado con grandes doses de humor negro e ácedo. O plan perfecto para un día de resaca no sofá da casa.
Como funciona? Moi doado. Con só mercar o bono (12 euros) teremos acceso ilimitado a todos os escenarios ata o 18 de agosto. Sen pulseiras, sen ter que cambiar os euros pola moeda que o festival teña, sen ter que facer viaxe … cal é a vosa escusa para non ir ao Filmin Music Festival?
Disquecool parece cada vez más un blog de música. Festivales, reviews de discos y conciertos.
Qué pereza…
É o que teñen o verán e as vacacións, pero non te preocupes, que todo volverá á normalidade :)