Os festivais (galegos e portugueses) que veñen: agosto 2014

festi

O gordo xa pasou, sería absurdo non admitilo. Galicia en verán é San Simón, Portamérica e o Festival do Norte. Aínda así, en agosto tamén hai opcións para os que aínda teñan ganas de festival e tampouco hai que ir moi lonxe. Como moito, ata Portugal, que sempre é un pouco como estar na casa. Se aínda non tes clara a axenda festivaleira para este mes de agosto (e si, somos conscientes de que chegamos cunha fin de semana de retraso), colle un calendario ou a axenda e empeza a apuntar. Podes pasar o mes indo de festival en festival. Como en Portugal hai aínda bastantes cousas importantes, ampliamos a cobertura ata o norte do país veciño. Estes son os festivais galegos e portugueses máis interesantes deste mes de agosto.

Noroeste Pop Rock. Praia de Riazor (A Coruña), 8 e 9 de agosto. A gran estrela deste ano está clara: Madness tocarán en Riazor a noite do 9 de agosto. Ademais, estarán os clásicos de festivais de verán, Delafé y Las Flores Azules e Love of Lesbian, pero tamén os coruñeses Ånima, Misterioso Viaje Holanda, Bourbon Queen, Los Eskizos e La Senda de Afra. Todo con entrada gratuíta.

Neopop Festival. Viana do Castelo (Portugal), do 14 ao 16 de agosto. O festival de música electrónica máis importante de Portugal, que se celebra no centro de Viana do Castelo, recibirá este ano a Richie Hawtin, Underground Resistance, Jeff Mills, Carl Cox, Laurent Garnier e moitos outros. As entradas para o xoves están a 40 euros e as do venres e sábado a 45 (os abonos están xa esgotados).

Fusing Culture Experience. Figueira da Foz (Portugal), do 14 ao 16 de agosto. Se a electrónica non é o teu, corre a este outro festival, perfecto para coñecer grupos portugueses e que ademais ofrece moito máis ca música: ten tamén eventos artísticos, gastronómicos e ata deportivos! No apartado musical, xente como peixe: avião, You Can’t Win Charlie Brown, The Legendary Tigerman,Sequin, Norton ou For Pete Sake, farán que a viaxe pague a pena. O abono para todos os días, máis camping, está a 50 euros.

Arteficial. Ribadavia (Ourense), 15 e 16 de agosto. A asociación xuvenil Arteficial celebra de novo o seu festival, este ano con xente como Def Con Dos, Disco Las Palmeras!, Cuello, Cró ou Cuzo, entre outros. Estarán tamén Colectivo Bomba, gañadores do IV Concurso de Grupos Galegos que organiza a asociación. Son 12 euros os dous días (cunha actividade de regalo) ou 8 euros a entrada por día.

Con V de Valarés. Praia de Valarés, Ponteceso (A Coruña), 16 de agosto. The Undertones! Xa só por iso paga a pena ir a este festival, pero hai máis. Estarán tamén Corizonas, Triángulo de Amor Bizarro, We Are Standard, Depedro, Escuchando Elefantes e moitos máis. É só un día, pero cun cartel ben cargadiño. As entradas están a 15 euros (anticipadas), 18 se as mercas no momento.

Vodafone Paredes de Coura. Paredes de Coura (Portugal), 20-23 de agosto. Por suposto, non podía faltar, o festival que ano tras ano non fai máis que darnos alegrías a poucos quilómetros da fronteira. Nesta edición estarán Janelle Monáe, Conor Oberst, Franz Ferdinand, Kurt Vile and the Violators, Chvrches, Mac Demarco, Thurston Moore, Thee Oh Sees, James Blake, Yuck, The Dodos e moitos, moitísimos máis. As entradas, coma sempre, regaladas: 40 euros un día, 80 euros os catro.

Irás a algún destes festivais?

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *