FdN 2014: Fracaso de organización, éxito do público

Festival do Norte_The Wave Pictures 2

Non hai outro adxectivo para avaliar a edición do Festival do Norte que fracaso. Palabras que doen e que non son do agrado de escribir cando se fala dun festival que estaba consagrado no panorama cultural galego. Porén, non atopo outra palabra que poida definir mellor a desorganización do festival ante problemas que se sabían de antemán: choiva, mala combinación… inexistente combinación de buses cara o cámping, e outros detalles mancharon unha edición que pon en dúbida o que outrora foi un festival de referencia.

Organizar un festival en Galicia é sinónimo de ter coidado coa predición meteorolóxica. O clima galego é coñecido por ser inestable e chuvioso, polo que unha predición que, a 10 días vista, anticipaba moita choiva non debía ser ignorada pola organización. A longo das horas do festival o tema non era outro que “onde está a carpa que si estivo outros anos?”. Móbiles estragados pola choiva, pantalóns que semellaban esponxas e zapatos que podíanse empregar como peceiras foron o balance dunha noite do sábado que deixou moito que desexar. Nin un perdón por parte da organización (ata o domingo, despois do monzón do sábado, que pediron un leve perdón na súa páxina de Facebook), nin unha resposta rápida que solucionase o problema.

Festival do Norte_2

A carpa posta polos artesáns do Ultramarinos foi o refuxio da maioría de asistentes ao festival, para desgracia dos primeiros posto que, como eu mesmo comprobei, incluso tiveron que aguantar críticas que en realidade ían dirixidas á organización. Camareiros que tampouco tiñan onde resgardarse da choiva mentres estaban traballando, tickets que só eran válidos para un día (non fose ser que alguén levase unha impresora á tenda de campaña) e unha zona de acampada na que ninguén comprobaba se tiñas a pulseira para estar alí. Para máis inri, a zona de acampada estaba unida co recinto cuns autobuses, inexistentes entre as doce da noite e as cinco da mañá (precisamente cando tiña lugar o festival) que só deixaban unha opción para os que querían volver á tenda: empaparse no recinto ata as 5am ou empaparse de camiño ao cámping por unhas pistas que estaban á altura de “The Texas Chainsaw Massacre”.

Se hai que sinalar algo positivo desta edición é a actitude do público. Soportando trombas de auga que parecían abofetearche na cara, o público soportou o monzón con bailes e sorrisos mentres os grupos trataban de erguer o ánimo cos seus mellores temas. Chuvasqueiros, paraugas, catiuscas … todo era necesario para poder bailar sen correr o risco de quedar griposo para o que queda de verán e de festivais.

Como é imposible falar de todos os grupos, moitos e moi bos, que pasaron polos diversos escenarios do Festival do Norte 2014, sinalarei os que, para min, conseguiron facer que me esquecera da choiva e do risco de neumonía. Falo de The Horrors, The Wave Pictures e Lori Meyers.

The Horrors tocaron o venres. O seu rock duro e, ás veces, escuro cativou case por sorpresa a un público que agardaba a Russian Red (unha diva con demasiada conciencia de si mesma). A distorsións e os sintetizadores fixeron que ata o tempo se tomase un descanso para gozar deste gran concerto da banda inglesa. The Wave Pictures, un dos platos fortes do sábado, ergueu a todo o mundo a bailar cunha actuación na que hai que destacar o carisma do seu cantante. “Estamos aquí atrás porque nos dixeron que nos botabamos máis adiante podíamos morrer electrocutados pola choiva. Así que imos dar aquí o que, quizais, sexa o noso último concerto vivos”, bromeaba o líder da banda nun momento no que a choiva volvía a intentar ser a protagonista. Soaron clásicos I Love You Like A Madman ou Better To Be Loved mentres o público secábase gastando pista e bailando sen parar. Sen dúbida, do mellor do festival con permiso de Lori Meyers. Programados estratexicamente na noite do sábado, Lori Meyers conseguiu o que se esperaba: un concerto xenial. Entregados desde o primeiro segundo e acompañados por un público que non deixou de berrar as súas letras, o grupo granadino converteu ata aos infieis en seguidores a morte a golpe de guitarra e letras pegadizas. Cando a choiva pegaba máis forte, comezou a soar Emborracharme e o público explotou en alegría e cánticos que seguramente provocaron máis de unha afonía ao día seguinte.

Festival do Norte_The Wave Pictures

Edición para esquecer e mellorar. Porque foron moitas as críticas que se escoitaron por todo o festival polos diversos erros, pero tamén eran moitos os comentarios de decepción ao ver estes fallos nun festival que está (ou estaba?) consagrado no lecer dos máis festivaleiros. Agora só queda solucionar todo o que este ano non funcionou e ofrecer no 2015 unha edición que verdadeiramente permita gozar a nova localización que, verdadeiramente, non responde á dun clima monzónico.

Fotos  Jesús Ferrer

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *