O Disco da Semana: “Observatory”, de Dignan Porch

disco semana 2

Ai, o aumento das temperaturas. O asalto a praias, quioscos e terrazas como se non houbera un mañá. Os aceleróns nas dietas e o desembarco deses turistas case albinos que marcharán da vila costeira na que permanecerán aloxados un pouco máis preto de acadar o seu ansiado cancro de pel. Din que chega o verán, amigos. E tamén a música de verán, para gozala con pouca roupa, sen que teña que ser a dos anuncios de cervexa. Un disco tan fresco e agradábel como “Observatory” (Faux Discx, 2014), o segundo traballo dos británicos Dignan Porch. “Observatory” mellorará o voso día. Dará ese sopro de psicodélico aire fresco que tanto precisades porque aínda vos queda mes e medio para coller vacacións. Imprimiravos un bo ánimo xa detectable en Forever Unobscured, que fai que, sempre que o postureo o permita, comeces a bailar inconscientemente. E que continúa con Deep Deep Problem, unha canción que mesmo sen ver aínda o sol encherache de luz a xornada. Falamos dun disco que, sen ser un clásico contemporáneo si é un deses que recomendarías a cegas a calquera, porque en maior o menor medida, lle gustará, seguro.

Ese aspecto, o máis festivo, é tamén o mellor de Dignan Porch e o seu Observatory. A outra cara é a máis acústica, encarnada por cancións como Veil of Hze, que é igualmente compracente e honesta, con ese punto californiano ó Mikal Cronin, pero que non funciona tan ben como este exemplo en tódolos casos. Momentos puntuais nos que hai certa perda de norte. Sobre todo a tres cuartos do disco, con cancións algo desorientadas como Dinner Tray, menos atractiva, máis sosa e insubstancial. En todo caso, para chegar ós debes de “Observatory”, primeiro pasamos por camiños de paisaxe variadas e cheas de encanto. Que van dende a cadencia cansa e apática de No Lies, que dito así soa a ‘fuxe e non mires atrás’, pero que engancha con insultante facilidade, á taquicardia eléctrica de Between in the Trees, tan adictiva como efémera.

Esa esencia afeccionada, sucia, de produción mellorable, remata converténdose na maior virtude de “Observatory”. A que fai que Dignan Porch che lembren a cando os teus colegas montaron un grupo ós 16 e ensaiaban na casa abandonada da avoa do que tocaba a batería, a risco de que o teito caera máis cedo que tarde. Por iso outro dos aspectos quizais algo reprochables de “Observatory” é cando quere poñerse guapo para a foto, traballar algo máis as melodías. Tentar ser transcendentes, como en Wait & Wait & Wait, que non me remata de convencer. Sobre todo cando volvemos a ese convite praieiro de Harshed, menos preocupada polos adornos e moito máis pola autenticidade, polo honesto. Unha vía pola que gañarlle agarimo a Dignan Porch é case a única solución, a de permanecer atentos ó seu nome, conservalos na memoria quizais non como banda de cabeceira, pero si cando menos como recurso para mellorar o teu humor.

Como dixemos, “Observatory” presenta algunhas dúbidas chegando case ó tramo final, ata que Got to Fly aporta a inxección de enerxía precisa nese último esforzo, a que consegue que te decidas entre se só foi media hora longa máis, sen moita historia, ou se volverás escoitar o disco. Gaña a segunda, con creces. Incluíndo nesa decisión os sons punzantes e agudos do finamento de Swing By e, da súa man, de “Observatory” mesmo. Un disco que gustará a toda a familia, ben, quizais non á túa avíaa fan de Antonio Machín, pero a case tódolos demais. Ós que boten en falla os marabillosos anos ’60 coas súas espirais de cores e psicodelia, ou ós que ansíen un agosto cheo de horas de luz solar e vistas ó mar, mentres soan Dignan Porch de fondo no quiosco da praia na que decidiches pasar o teu verán. O verán así, o verán mellor.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará