Seguimos co repaso do esquecido. Dende o marzo de Phosphorescent, ao maio de Mikal Cronin, un guedelludo estadounidense que ten como maior mérito ser un dos acompañantes habituais de Ty Segall, candidato ao trono da psicodelia actual. E non é que ese sexa un mérito menor, pero a repercusión que obtivo co seu debut, que levaba o nome do artista, non foi excesiva, e non é ata agora cando comezamos a falar dun rapaz que figuraba no primeiro e falido cartel do Sinsal San Simón, lamentablemente cancelado a posteriori pola catástrofe do accidente de tren en Compostela. E falamos por fin de Mikal Cronin como protagonista principal da historia porque este exercicio de fantástico pop-rock que é ‘MCII’ (Merge Records, 2013) meréceo sobradamente. Escandalosamente.
‘MCII’ comeza cunha canción espectacular. Cun dos temas máis sobresaíntes dende hai moito tempo. Weight convida ao sentir o calor alleo deste frío decembro. Acordes de guitarra acústica e luz, moitísima luz e espírito festivo. Un deses temas que pode, no fondo, afundirte para sempre. A maldición do single, da canción que che queda tan fermosa que nunca consegues facer ningunha semellante. Cousa que non ocorre en ‘MCII’, na que Shout It Out amosa que a cousa ten trazas de manterse, de que isto non é unha inspiración puntual, previa a unha seca de ideas. Am I Wrong amosa, en contra do seu título, ter as ideas ben claras, saber que o momento o marca Mikal Cronin, nun dos temas máis amañados do disco, mesmo cun delirante piano secundario.
Son máis clásico nas seguintes See It My Way e Peace of Mind, amosando que non sempre hai que estar obsesionado con iso de inventar, con buscar novos camiños que leven en realidade a un discurso inconexo. As cousas de sempre, pero interpretadas con mestría, un acerto eterno. E pezas que tamén, como Change, amosan que por moito que Mikal Cronin afronte este proxecto en solitario, se fai rodear dunha banda fantástica. Nome do tema perfectamente escollido, xa que supón un troco de ritmo intenso. Neste caso, a tormenta trala calma, secundada polo frenético ritmo de I’m Done Running from You, como lembrando a uns Beach Boys recorrentemente presentes en ‘MCII’, pero con dúas velocidades máis.
O mellor Mikal Cronin, o que o fai singular, cando menos para min, é o que se presenta en Don’t Let Me Go, o espido, o que se amosa vulnerable, nada pasado de voltas. Ese Mikal guitarra en man, e só iso, dotado desa luz que che dá coñecer as túas virtudes, e estoupalas. Para quebrar o que puidese ser un final excesivamente intimista, o disco volve ao seu ritmo habitual cando afronta a penúltima Turn Away, de brillantísimo impulso último, pero de novo o piano, agora si de xeito principal, e vestido cuns violíns pouco aparecidos ata entón, converten a Mikal Cronin nunha sorte de crooner que nos despide deliciosamente en Piano Mantra, como mostra de que ‘MCII’ escolle para pecharse a vía oposta á que serviu de presentación. O comezo (non tanto en tempo, si en importancia), dunha carreira que forzosamente dará que falar.
1 comentario