O disco da semana: The Golden Age, de Woodkid

1363100101_coverAntony Hegarty, Dominique A, Kate Perry, Yann Tiersen, Sigur Rós, Lana del Rey e The Cinematic Orchestra. A todos eles pódelos atopar en Woodkid, se ben ao único ao que realmente ides atopar en Woodkid é ao francés Yoann Lemoine. A elas porque son xente coa que habitualmente traballa, na súa faceta de director de videoclips. A eles porque resulta difícil que os seus nomes non veñan á cabeza mentres soan os temas de ‘The Golden Age’ (Green United Music, 2013). O disco é, entón, un amasillo de contrastes. Non. Mellor. Un marabilloso amasillo de contrastes. En ‘The Golden Age’ un atopa folk, pop máis convencional, crescendos, cancións con orquestras e milleiros de amaños, campás e ritmos militares acelerados. Iso, que a miúdo podería ser entendido como falta de discurso concreto, en ‘The Golden Age’ convértese, con mano mestra, nun disco fantástico.

Esa voz de ton grave e penoso é a que nos conduce polos moitos vieiros distintos de Lemoine. Esa dor tatuada en todo o que cantes. Sempre o matiz do que algo está deixando atrás, asumindo que e imposible optar ao contrario. Esa é a mensaxe que vai deixando, dende que voz e piano se misturan ao principio de The Golde Age, para dar paso a un arrebato de amaños dignos da mesma The Divine Comedy. Dan gañas de saír correndo, de cabalgar á velocidade do lóstrego se tivésemos maldita idea de como. Non sei exactamente o que, pero aquí xa te contaxiaron algo, sen darte conta. Quizais estabas durmido, ou o mosquito aproveitou o despiste, pero xa es vítima. Resistirse non aportará nada.

Por iso cando as tétricas campás de Run, Boy, Run dan o seguinte paso, xa estás absorto en ‘The Golden Age’. Non para os tres cuartos de hora que dura, para sempre. E ese crescendo do segundo tema é a testemuña do secuestro. O been que funciona sempre un crescendo no pop, sendo o final de Run, Boy, Run o afluente perfecto para ese inicio de The Great Escape, aceleradísimo corte que nos mantén co ánimo de seguir fuxindo cara ningunha parte, esquivando árbores ao ritmo do eterno Neil Hannon e dun paisano de Lemoine, o grandioso Dominique A (imaxínense a Dominique A interpretando The Great Escape, e díganme se iso non se achega á ledicia plena). E tras tanta carreira, collemos Boat Song para aumentar o nivel de osíxeno. A canción máis sosegada do álbum. Dun disco que, diciamos, está cheo de amaños, pero que manexa con cautela os desenvolvementos, tornando un son potencialmente cargante nunha marabillosa dixestión. Proba diso, e de que non todo ten que ser precisamente barroco, é I Love You, outro dos singles que pediu a realización de videoclip (que para iso o mozo sabe, e os fai ben bonitos).

Se ao comezo da crítica falabamos de eclecticismo, en ‘The Golden Age’ inclúense cortes con sabor a banda sonora, como The Shore, pero tamén esa intensidade escandinava de Ghost Lights, un dos meus temas favoritos de todo o disco. Ou polo menos hoxe, quizais mañá diga calquera outra cousa. Mención especial merece, o corte clerical de Stabat Mater, con teclados cargados, pesados, e xiro agresivo tomando o camiño de CocoRosie. E si, a enérxico Cosquest of Spaces é xa o décimo corte, e todo nos pasou voando, como un deses concertos nos que o artista se retira para que a audiencia pida o bis, cando ti miras incrédulo o reloxo. Ese bis tralo parón de Falling está protagonizado por Where I Live, de novo austero, de novo esgazador, de novo Antony & the Johnsons na mente, e por ese single que é Iron. Estivo todo tan ben, todo tan rico, que The Other Side xa podería ser unha merda. Daríanos igual. Gozariamos do bosque sucado a toda velocidade como se duns malditos ananos nos tratásemos. Se ademais, é outra peza fantástica, confirmamos con firmeza que atopamos en ‘The Golden Age’ a un dos grandes protagonistas pop do ano.

Shares

1 comentario

  • David di:

    Vaia… hai un par de semanas descubrín de casualidade a enerxía da música deste francés e agora, tamén de casualidade, descubro que non son o único que ve “algo” distinto neste tipo…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *