O disco da semana: Muchacho, de Phosphorescent

phosphorescent-muchacho-cover-artChegou decembro. Mes no que o frío vén para establecerse connosco definitivamente. Musicalmente, decembro lembra aos meses de verán, poucas edicións, poucos lanzamentos. Mes de repaso e, inevitablemente, de listas. Pero como a todo chegaremos, fiquemos primeiro no apartado dos repasos. Concretamente, cun disco que data do mes de marzo, nada menos. ‘Muchacho’ (Dead Oceans, 2013), é o sexto disco de estudo de Phosphorescent, ou de Matthew Houck, que para o caso é o mesmo. Un músico de Alabama facendo música típica de Alabama, aínda que o home este viva a día de hoxe en Brooklyn. E se hai un par de semanas falabamos do indie-folk de aquí, da man de CAXADE, hoxe falamos do indie-folk americano. Do country de Phosphorescent, que sempre nos acompañou de xeito acertado e que acada en ‘Muchacho’ as súas cotas de máxima calidade.

Ese coro de almas cheas de tristura que serve de introdución ao disco, da man de Sun, Arise! amosa un traballo que sabemos ten un as na manga. Arriscando dende un momento insultamentemente temperá. Pasade ou liscade, pero non quededes indecisos na porta. O mundo é para os valentes, para os que buscan unha festa de almofadas espidos sobre a cama de Matthew Houck, mentres soa retardada Song For Zula, un dos temas máis deliciosamente fermosos do 2013. A voz tremente de Matthew e as bases electrónicas que case excepcionalmente gañan o suficiente terreo como para converterse en protagonistas absolutas. Un fantástico comezo solidificado con Ride On/Right On, descarada e imperfecta, adictiva cos canallas berros de Matthew Houck.

E tras ese momento no que Phosphorescent tivo a ben poñernos a todos a bailar, que foi diso que dixen de que Muchacho era un disco country? Pois iso chámase Terror in the Canyons (the Wounded Master), unha peza que desbalda calidez e carisma. O momento no que Matthew e a súa voz se fan grandes, se fan enormes. Unha canción que dende a delicadeza tórnase en tolemia contida, outra xoia para unha colección infalible ata ese momento. Sumémoslle agora a coral e estupenda A Charm / A Blade e temos un pleno incontestable. Ou moito empeora a segunda parte do disco, ou aquí hai candidato a perdurar para sempre nas nosas memorias. O disco que permitirá subir a Phosphorescent da categoría de grupos bos, a grupos punteiros. E non, a cousa non empeora moito cando o ánimo expansivo se recolle en Muchacho’s Tune ou A New Anhedonia (esta última do pouco sinxelamente aceptable do disco). O dito, temos candidato a todo.

E logo chega The Quotidian Beasts. Ai, amigas, amigos, vaia temazo. Vaia gozada, vaia momento de levitación. Ouveos, mans á cabeza, inspiración brutal. Varios centímetros de separación entre o teu corpo e o chan. E para pechar, Down to Go afogada en mágoa e alcol. Ganas de agachar a cabeza, enfundarte no teu chapeu de cowboy e abandonarte a unha vida de derrota. De abrazar á primeira rapaza (énchase con xénero ao gusto), e suplicarlle que pase a noite contigo, que non te deixe só. Matthew Houck tocado pola variña máxica dese momento no que todo o tes de cara. No que fas un disco tan bo, tan bo, que escoitado ata fai dano. Unha auténtica beleza, o roce da perfección en dez temas. Que non marche nunca, que non me enfríe a cama.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *