Xoves en Santiago é sinónimo de festa. De saír cos amigos, beber e pasalo ben. Ás veces, por sorte cada vez máis, tamén comezan a significar concertos e outras actividades paralelas ás clásicas noites universitarias. Así, as dez da noite deste xoves, a mocidade entraba na Sala Capitol disposta a gastar as cadeiras en infinitos bailes a cargo de Fuel Fandango. Persoalmente, recoñezo que levaba con ganas de volver a velos desde Valarés, no que a súa actuación soubo a pouco. Agora, despois de gozalos unha segunda vez, sigo tendo a mesma sensación: quero máis!
O concerto fíxose de rogar cuns dez minutos de atraso, mais o público agardou paciente entretido en charlas previas e pedidos na barra. Subiron ao escenario e oíronse os primeiros berros de “guapa!” dirixidos á cantante granadina Nita. Alí estaba, enfundada nun vestido negro cun cinto de flores, disposta a demostrar que é algo máis que unha “cara bonita”. Primeiras notas de Tell Me e a voz de Nita eclipsou unha Sala Capitol que alucinaba coa potencia de voz que despregaba.
O grupo, que se atopa de xira presentando o seu novo CD Trece Lunas, tocou temas deste novo disco sen esquecer os clásicos que os levaron á fama. Así, soaron Monkey, Read My Lips e Shiny Soul acompañados aos coros por un público fervoroso e con ganas de bailar. Xente nova, algún máis madurito que novo, todos se confundían nun público no que as luces de cores e a música electrónica provocaban os bailes máis despreocupados e divertidos que se poidan pensar.
Confeso, sabendo de que non son o único ao que lle pasou, que me custou despegar a atención de Nita na maioría do concerto. A súa beleza, os seus movementos magnéticos polo escenario e a incrible voz que ten impedíanme ver máis alá. Nun esforzo sobrehumano, conseguín despegar a atención dela para decatarme da calidade que apoiaba á cantante. Alejandro Costas, alternando un sintetizador e unha guitarra, daba cor e ritmo ás bases que creaban o batería e o baixo. Un conxunto que funcionaba como un reloxo, mesturando rock, electrónica e flamenco. Hai vida alén dos xéneros tradicionais: e Fuel Fandango ten a clave!
Bailes ao ritmo dos golpes que pegaba a liña de baixo, directo ao centro do corpo, facendo que o estatismo fose algo imposible. Deceas de cámaras no aire intentaban sacar unha foto do escenario sen deixar de moverse e cantar. Hora e media de concerto que, como dicía ao inicio, deixa con ganas de máis. Agora só queda agardar, cruzar os dedos e desexar que volvan canto antes a levantar a guitarrazos Compostela.
Foto |Fuel Fandango
1 comentario