Máis que unha brincadeira, eclecticismo

Portada Fangoria

Ir a un festival de música é sempre abrir a mente a descubrir novos grupos, gozar de outros que non che convencen e revivir os directos que che molan. O Brincadeira dá un paso alén disto: é un festival ecléctico. Sorprende a súa combinación única de grupos de pop, rock, dubstep, punk, ska, one-hit-wonders do calibre de Georgie Dann e divas como Gloria Gaynor nun calendario de tres xornadas intensas. Para ir ao Brincadeira hai que ir, sen prexuízos, disfrazado (os hipsters con que vaian normal xa chega) e con ganas de pasalo ben.

O día de inauguración foi o pasado xoves con Fuel Fandango como prato forte do día. O día comezaba nubrado e con escaso público, algo que non impediu que Guadalupe Plata despregara o seu máximo potencial no escenario. Sobre as oito o grupo comezaba ante un público frío que aínda estaba chegando ao recinto. Soaron os clásicos ‘Boogie de la muerte’, ‘Rata’ e ‘Milana’ mentres que os primeiros bailes comezaban a facer acto de presenza orquestrados por un Zan Hoffman que pululaba polo festival como un máis.

Inspector CluzoÁs nove e media aparecía The Inspector Cluzo, a gran sorpresa desta edición. Cun son terriblemente duro e potente e desbordando carisma, o dúo da Gascuña destrozou (literalmente) a súa batería nun concerto no que ofreceron o 300%. Nunha actuación chea de ‘fucks’, a banda abraiou ao Brincadeira cun concerto que deixaba o listón moi, moi alto. Xa entrada a noite, era o momento de Fuel Fandango e o seu pop-rock electrónico. Unha vez máis Nita e Ale Acosta revalidaron o título de grupo de moda con cancións como ‘Shinny Soul’ ou a sempre xenial ‘New Life’.

O venres comezaba con ameazas de choiva. Chuvasqueiros e paraugas facían sospeitar que a racha de festivais pasados por auga tamén se cebaría co Brincadeira. Intentando adiantarse a esta predición do tempo, a organización recolocou varios concertos sen ter en conta unha parte importante: avisar aos espectadores dos cambios. Así, os que intentamos ir a ver Ultranoite ou a Mad Professor atopámonos con que a actuación fora adiantada varias horas (ou cancelada de forma estraña no segundo caso) para poder programar todos os concertos do día. Isto, sumado a un constante retraso nos concertos do escenario principal, fixo que a organización deixara bastante que desexar neste segundo día de festival.

Arizona Baby abría o día co seu rock indie e saudando a toda a xente ecléctica do público. Javier Bielba, quizais contaxiado do estilo de Fernando Pardo (Los Coronas) co que comparte grupo en Corizonas, conduciu o concerto facendo que os 50 minutos de actuación fosen excesivamente curtos. A continuación, era a quenda de Freedonia. Cun nome que podería semellar o dun país inventado por Grouxo Marx, a banda trouxo un soul que conquistou, liderado polo torrente vocal de Maika Sitte, a un público que non se deixaba apagar polas negras nubes do ceo. A noite avanzaba e ao escenario tiña que subir The Experimental Tropic Blues Band… pero subiu Ruxe Ruxe. Nun súbito cambio de orde, e tamén sen previo aviso, a banda de Aríns, veciña do festival, subiu ao escenario co seu rock punk con ganas de facer estourar os altofalantes… e a verdade é que case o conseguen.

Sen dúbida, non fai falta marchar ata a Gascuña para atopar rock duro e potente. Caían as primeiras gotas e as capuchas comezaban a cubrir a un público que esperaba ao cabeza do cartel do venres: Georgie Dann. Acompañado por unhas bailarinas que deixaban escaso traballo á imaxinación, o cantante francés cantou todos os seus temazos: ‘El Chiringuito’, ‘Bimbó’, ‘El Negro No Puede’, ‘Carnaval, Carnaval’ e a clásica ‘La Barbacoa’. Foi sen dúbida, con esta última, coa que o público toleou. Moitas congas e bailes acompañados por un estribillo tarareado por todos os alí presentes fixo que Georgie Dann se despedira cun “No me puedo marchar así. ¿Otra vez La Barbacoa?”. E de novo a tolemia disparouse. A choiva comezou a descargar con forza cando Bad Manners comezaba a tocar o seu ‘This Is Ska’ mais o alcol e as ganas de bailar non impediron que o público se puidera enlamar a gusto ata que o corpo aguantou.

Sábado foi sinónimo do concerto por excelencia: Gloria Gaynor. O día pintaba mellor que o anterior posto que as nubes do ceo non eran moitas e o line up do festival prometía horas e horas de boas actuacións. Tony Lomba abría no escenario Brincadeira Show cun espectáculo que (como todas as súas actuacións) non defraudou. Acompañado por un portátil no que poñía e quitaba as cancións ao seu antollo, o cantante vigués conquistou aos alí presentes con versións de clásicos como ‘Waltzing Matilda’, ‘My Generation’ ou ‘Demasiado Corazón’. Despois del, recollía o testemuño Ignatus Farray co seu show de humor incorrecto. Asustado ante o nivel de frikismo do público, o monologuista recoñeceu que botaría de menos ao público do Brincadeira mentres soltaba frases como “Si hubieran matado a Toni Cantó ahora sería nuestro Kennedy”. Mentres, no escenario principal, Pony Bravo afinaba o seu son indescritible. Entre o pop, o indie rock e o electrónico, o grupo deu un concerto ao que ningún adxectivo se achegaría de forma xusta. Soaron, por suposto, ‘Mi DNI’ e ‘Político Neoliberal’. Ignatus Farray

Seguindo coa tónica ecléctica do festival, os seguintes en tocar despois da banda sevillana foi Powersolo, unha banda de rock danesa que mantiveron ao público bailando mentres se repartían tragos dunha botella de Jameson que eles mesmo subiron ao escenario. Remataba o concerto dos daneses e todo o mundo se agolpaba fronte ao escenario. Era o momento, a guinda do festival: era a quenda de Gloria Gaynor. Sen agochar o paso do tempo, a mítica cantante estadounidense ofreceu un concerto no que a súa voz parecía conservarse algo mellor que os seus folgos (tivo que tomar dous breves descansos). ‘Every Breath You Take’, ‘Last Dance’ e outras versións de outros artistas foron preparando o terreo para o hit. ‘I Will Survive’ foi coreada ao unísono polos miles de persoas que bailaban o clásico da música pop. Un momento, sen dúbida, que gardaremos na memoria de moitos dos presentes. E, que mellor que cantar os temas de Alaska e Dinarama e Fangoria para non baixar o ánimo despois de Gloria Gaynor? Cun espectáculo de luces e unha posta en escena xenial, Fangoria fixo que temas como ‘Perlas Ensangrentadas’ ou ‘No Sé Qué Me Das’ soaran en quilómetros á redonda.

Sen dúbida, o Brincadeira revalida o título de festival ecléctico por excelencia. Cun ambiente onde looks de modernos se confundía con xente disfrazada, a cita segue a gañar puntos grazas á súa capacidade de organizar tantos e tan diversos artistas en tres días intensos nos que parar entre concerto e concerto é unha tarefa realmente complicada.

Fotos Jesus Ferrer 

Shares

2 comentarios

  • Mixigodo di:

    Sen dúbida o mellor do Brincadeira é o eclecticismo que comentades, por iso todas as críticas que van dirixidas nese sentido as vexo bastante inxustas: é o festival hortera… dos outros tes mogollón polo país adiante. Porén, este ano a organización deixou bastante que desexar:

    Xa días antes deixou colgados aos participantes dun concurso que fixeron en Facebook (“O Legado de Georgie Dann”) e aínda hoxe non houbo resposta por parte do festival máis que varias “Dádenos o voso número que vos chamamos”. Aos que participamos fastidianos que nos dean largas e nos niguneen deste xeito: un simple “cancelouse o concurso pola pouca participación” ou “10 brincos de premio para os participantes” eran suficientes. Pero iso do “Vuelva usted mañana” soa rancio, malia estar á orde do día.

    Quitando iso, hai moitas máis cousas a mellorar:
    Por un lado, o tema horarios e cambios non avisados que xa comentades no artigo e que fixeron do venres un auténtico caos. E ollo, que eles non teñen culpa da intensa choiva, pero podían avisar ao público ou pegar uns folios nas barras/taquillas informando dos novos horarios.

    Por outra banda, o tema do aparcamento, que estaba a 30 minutos a pé do festival, habendo sitio de sobra no monte do gozo (30 minutazos!!). Por sorte, a partir do segundo día deixaron aparcar máis arriba, pero ter que andar esa media hora baixo o orballo para coller o coche é canto menos unha putada.

    En terceiro lugar os baños do camping eran realmente noxentos. Dende o primeiro día cheos de merda (literal) e nos cales había que ter bastante valor para facer calquera necesidade corporal. Nin que dicir ten que os que alí acampamos usámolos o mínimo posible.

    Outro problema foi que o primeiro día nas taquillas de fóra houbo tamén un lío bastante serio. Comentades que houbo pouca xente ao comezo do concerto… pero é que eu, por exemplo, non puiden entrar ata que entrou algo a noitiña, porque non chegaran aínda as listas onde figuraba o meu nome. E así moitos outros compañeiros que se perderon algunhas das actuacións da tarde por mor disto.

    E, como broche, o primeiro día, no concerto de Xenderal, foise a luz e o son varias veces. Realmente ten que ser unha putada que en pleno tema se vaia luz e son… se xa nos fodeu ó público, non quero imaxinar ao artista.

    Outro apuntamento: houbo bastantes horas mortas entre cambio e cambio de grupos, xa que coincidiron varias veces en todos os escenarios, sobre todo o venres. Isto a verdade é que baixa un pouco os ánimos, porque se remata o artista que estás vendo e vas a outro lado a ver quen está tocando aínda mantés as gañas de festa, pero se hai momentos de 20 minutos de paro todal é un incordio.

    Por suposto, estou seguro de que non é fácil facer un festival, e menos deste nivel. Pero se non das, non te metas a tanto. Por suposto, valoro positivamente a calidade humana da maioría de traballadores que sempre intentaron resolver todas as dúbidas e axudar no que podían, pero ás veces non abondan boas intencións. E por suposto tamén, paseino ben, pero a festa puido ser moito, moito mellor se se tiveran en conta algunhas cousas como estas. E esta é a miña opinión, pero estou seguro de que é compartida por moitos, xa que o falamos moitos alí mesmo e outros a posteriori. Oxalá sirva para que, en caso de volver a haber outro Brincadeira, a organización teña en conta estas cousas. E se acorden de polo menos darnos as gracias por participar no Legado de Georgie Dann, aínda que o cancelen sen avisar…

  • Marcos di:

    Houbo moitos grupos que actuaron igual ou mellor de ben que o resto e nin os mencionas. Como dato, a empresa productora do festival asinou contrato por catro anos. Isto quere decir qur habera brincadeira si ou si minimo ata 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *