Sinsal SON EG: San Simón segue sendo o mesmo

SinSal2014-4_BellBeeBee

Un ano máis. Subir ao barco (lancha de prensa, neste caso). Chegar á illa. Non saber nada. O cartel é o máis importante, pero tamén é o de menos. Despois de varios anos, xa sabes que a proposta que Sinsal leva a San Simón terá un pouco de todo, artistas para todos os gustos, sempre co selo da calidade. Tamén sabes que é moi posible que cando leas o programa definitivo quedes un pouco igual. San Simón ten moito de descubrimento. Porque, xa sabedes, o mundo é moi grande e está cheo de cousas (musicais) marabillosas.

Este ano a proposta ampliábase a tres días. Do primeiro, o do venres 25, xa se coñecía o cartel. Nós fomos a ver que tiña preparado a illa o sábado 26 e saímos, unha vez máis, falando de microparaísos e con moitas músicas na cabeza. A xornada empezou coa canaria Bel Bee Bee, que mesturaba a súa doce voz con ela mesma, con teclados, guitarra e con bases electrónicas. De Russian Red a CocoRosie, as comparacións son sempre odiosas e inacertadas. Críamos que cantaba só en inglés ata que de súpeto descubrimos que estaba a meter cousas en castelán (pero non moita xente se decatou, polo que preguntei despois).

Despois chegou a gran sorpresa, o mellor descubrimento, o que sen dúbida foi o directo da xornada, con permiso de Wire. Os surcoreanos Jambinai (ou 잠비나이 para puristas) deixaron a todos asistentes coa boca aberta grazas a unha mestura de post-rock e música tradicional. Ás veces en conversa, saltando dun lado ao outro, ás veces totalmente diluídas a unha na outra. Convenceron ata ao público máis clásico e pechado de tolerancia para o heavy e os sons con moito decibelio (estou a falar de min, si), que quedou hipnotizado, totalmente sumerxido e intentando saber como se chamaban eses instrumentos tan raros (haegeum e geomungo, di Internet). O seu concerto rematou co público en pé (isto non é fácil ás 3 da tarde en San Simón, estar tirado na herba é moi atractivo) aplaudindo.

SinSal2014-8_Jambinai

Despois da pausa para comer, na que houbo músicas escondidas por parte de Apenino e Why Go en distintas partes da illa (non os puiden ver porque estiven ocupada facendo cola para unha hamburguesa e sendo picada por unha avespa -e moi ben atendida despois), chegaba Chelsea Wolfe, un dos nomes coñecidos do cartel. Quizais fose polo contraste de ver unha proposta tan gótica e escura baixo o sol da tarde ou porque era a hora da sesta, pero a californiana non logrou conectar co público. Faltou garra e ambiente, e quedamos sen saber se é porque de verdade é así sempre ou porque a súa música só acepta a noite como compañeiro.

Dos seguintes atrévome a asegurar que ninguén sabía nada, e foron outra das sorpresas do Sinsal. Ginger and The Ghost, un extravagante dúo australiano que saíron e, tras sentar a pintar a cara, empezaron o seu recital de pop bailable. Ela era, por suposto, quen chamaba a atención: co seu atuendo, cos seus bailes, coa súa voz e co seu talento para animar ao público. Se Jambinai lograron que abandonásemos a posición horizontal para poñernos en pé e aplaudir, Ginger and The Ghost foron quen de espertarnos da sesta e poñernos a bailar.

SinSal2014-15_GingerAndTheGhost

Xa sen cambiar de escenario -algo que se agradeceu moito se tomamos como mostra os comentarios que se fixeron ao meu redor -, tocáballe o turno a Jacco Gardner, un dos segredos que se daban máis por seguro. O holandés saíu coa sua banda a continuar a festa pop, levándoa esta vez a terreos máis próximos á psicodelia e ao barroco, sempre sen perder de vista a melodía. Pese aos problemas técnicos, que tomaron cun bo humor exemplar (pero que outro humor é posible cando tes esas vistas da ría desde o escenario?), deron un moi bo concerto. Non tan sorprendente como Jambinai (claro), pero perfecto no seu clasicismo.

SinSal2014-31_WireVoltamos á illa principal para ver a Blam de Lam, chegados desde Xaén. Pop dese ruidoso de toda a vida (estou segura de que hai un nome máis técnico para isto) que a min por momentos me parecía interesante e por momentos me deixaba fría. Pero xa sabedes que os meus oídos son delicados e, se ben escoitei comparacións cos Planetas e ata con Nacho Vegas, non vin moi ben por onde collelos. O que nos estabamos a preguntar todos era quen era cada un (porque non eran especialmente novos) e de onde saían. (Cada un da súa casa, díxonos unha busca en Internet).

Os Frikstailers chegaban desde Arxentina para facernos bailar a base de ritmos tropicais e electrónicos detrás dos pratos, acompañados polas súas perrucas de cores fluorescentes e algún intento de dar o espectáculo con batallas láser. Eran as 8 da tarde, o sol aínda estaba ben alto no ceo, empezando xa a baixar, pero iso non pareceu importarlle moito á xente que se reuniu arredor dos arxentinos. Tamén se pode bailar de día.

Por último, o prato forte da xornada e que xa todos dabamos máis ou menos por seguro: os ingleses Wire chegaban directamente desde os 70 ao escenario en San Simón para transportarnos á era do punk. E, segundo contan, conseguírono. Digo que segundo contan porque a lanchiña de prensa saía xa ás 9:30 de volta para a vida real, deixándonos ese concerto a medias. Contáronnos que houbo moito baile, que Ginger a australiana se tirou desde o escenario (ou algo así) e que, cando remataron, uns nenos de 11 anos estiveron exercendo de djs. Nós vimos o solpor máis fermoso desde a illa e a lancha, pero ninguén quere ler iso na crónica dun festival.

Fotos | Marina Camacho

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *