Eu son fan, xa volo aviso. Fan de verdade (da clase alta, da elitista), desas que descubriron a Belle and Sebastian aos 16 anos e xa non os puideron deixar nunca, das que saben todas as cancións, os nomes dos membros do grupo, as súas historias persoais. Das que esperaban con ansia cada nova actualización de Stuart Murdoch no diario que tiña na web. Desa época na que falabamos de diarios e non de blogs. É dicir, non esperedes que sexa obxectiva. Aínda que clase de crónica de concerto pode presumir de obxectividade?
Minto un pouco, en realidade. Dos trece músicos que subiron ao escenario na praza da Quintana, despois da actuación de Caxade (non os vin porque andiven á caza e captura dunha disqueficha), eu só sabía quen eran seis deles. O resto eran un guitarrista/baixista novo, unha sección de corda e metal e unha rapaza que tocaba o cello e máis cousas, segundo lle cadrase. Despois estaban, claro, Stuart, Stevie, Sarah, Chris, Bob e Richard. Hai uns meses (anos?) que Mick quedou polo camiño. O inicio instrumental foi con Judy is a Dickslap. Despois xa entraron en materia de verdade con I’m a Cuckoo, deixando claro que tocaba un greatest hits.
Non de todo certo. Foi un greatest hits para os fans, para quen toda canción é hit, e se ben non faltaron Get Me Away From Here, I’m Dying (a piques estivo de faltar, pediuna unha rapaza de primeira fila no bis), nin Piazza, New York Catcher ou Dog on Wheels, Judy and the Dream of Horses, Legal Man ou The Boy With The Arab Strap -si, estou a ter problemas para saber que temas son hits -, houbo tamén sorpresas. Women’s Realm. Simple Things. Photo Jenny.
Eles estiveron coma sempre. Stuart Murdoch dando chimpos sen parar (sabíades que ten -ou tivo -Síndrome de Fatiga Crónica? quen o diría!) e facendo de frontman, buscando as masas, preguntándonos se todos chegáramos alí andando, buscando a rapazas ás que subir ao escenario entre o público e todas esas cousas que tanto lle gustan. Stevie Jackson coa súa guitarra, a súa voz que oímos mellor en (I Believe in) Travellin’ Light -que lle adicou ás monxas de San Paio de Antealtares, xa que se vían algunhas luces acendidas -, e nese gran momento de Legal Man no que ofrece os servizos que solicitemos. Sarah Martin co seu violín, os teclados, os seus coros ou voz protagonista en Women’s Realm, a bolsa de xoguetes e a maraca que parecía unha laranxa (estamos convencidos de que o era), Chris Geddes nos teclados e facendo de tradutor, Bob Kildea pasando da guitarra ao baixo e quedando nun segundo plano -por normalidade -, e Richard Colburn na batería.
O ritmo do concerto subiu e baixou e volveu a subir. Houbo modificacións, como a ralentización á que someteron a Piazza, New York Catcher. Momentos de anticipación emocionante, como a ledicia que encheu ao público só con escoitar os primeiros acordes de If You’re Feeling Sinister – faltaban só as risas dos nenos-. Moito baile con xente no escenario, unhas rapazas (as máis novas de toda a Quintana?) que estiveron en The Boy With The Arab Strap e engancharon con Legal Man. E un bis que chegou demasiado cedo.
Aquí veñen os contras. O concerto foi curto, moi curto, e non só para min que desexaría que fixesen actuacións à la Cure, non, para todo o mundo. Sen limitacións de tempo -non era un festival! – está un pouco mal, querido Stuart, que digas que non queres marchar e marches. Hai repertorio de sobra e, ademais, preparado (cambian bastante o setlist entre concertos).
E faltou tamén, ademais de lonxitude, un pouco de conexión. Direi tamén que eu vin o problema máis nun público ao que esperaba máis interesado despois de ter pagado 20 euros, pero supoño que non é posible encher a Quintana de fans que tivesen chegado en peregrinación desde todos os recunchos do mundo. O meu modo elitista viu as emocións dese público un pouco perdidas -salvo o de If You’re Feeling Sinister -, calados con Dog on Wheels coma se fose un tema novo ou descoñecido, sen darlle a The Wrong Girl todo o que merecía. E, o peor, falando de calquera outra cousa durante o concerto.
Non importa moito, claro. O que importou foi a noite fresca, a Berenguela iluminada e ás veces ata soando, o son perfecto, e que Belle and Sebastian estaban aí, encadeando canción bonita con canción bonita, emocionando aos fans que nos emociona calquera cousa e, quen sabe, quizais facendo algún fan novo. Eles son xa cuarentóns, si, pero nós tampouco somos xa adolescentes. Non deixa de ser bonito seguir aí, despois de tantos anos, eles no escenario e nós no público. A post-adolescencia pode en realidade ser eterna.
Fotos | Andrés Fraga
* Podes ver tamén a disqueficha que cubriu Chris Geddes!
Gustoume moito a crónica.
Na parte de que o público estivera un pouco fóra as veces, pode ser, dende o meu punto de vista, debido a que quizáis lle faltou un pouco de forza ao directo… Quedeime con ganas de máis, tamén, de que fora máis longo: pero sobre todo botei un pouco en falta de contundencia e forza nas cancións en directo…Pero é sóamente unha apreciación doutro fan incondicional!
Parabéns pola crónica. Pareceume a máis positiva das que lin até o de agora. Supoño que influirá que eu tamén son fan-fatale e vivino como unha experiencia persoal moi intensa.
Hai varios cronistas que se queixan do pouco interese de parte do público, que non deixaba de falar. Eu tiven sorte, porque onde estaba (sétima fila, con amigos), toda a xente estivo gozou e prestou atención ao concerto.
Sobre a pouca duración, penso que todo se debe ás monxas clarisas, que deben de establecer un toque de queda a medianoite: “Ou apaghan o rocanrol ou perdemos o ‘oremus’!”. De feito, no bis vin que Stuart facía un sinal dicindo que só lles daba tempo a dúas cancións e mandando de volta aos músicos de corda que agardaban a saír, supoño, para un treito final que se frustrou.
Talvez non teña sido o mellor dos concertos. Mais para min, que era a primeira vez que os vía ao vivo, colmou todas as expectativas. O rescate de vellas cancións dos primeiros EP’s valeume para descubrir que teño esas letras gravadas a lume aínda que leve anos sen escoitar os temas.
E, de propina, puiden falar con Stuart ao remate da noite e contarlle que saquei a carreira en Santiago cos seus discos, que ía mercando relixiosamente, como banda sonora. Dixen xa que son fan-fatal? XD