NOS Primavera Sound 2015: o día grande (venres 5)

Foto: Hugo Lima

Foto: Hugo Lima

O día anterior comentábao cunha amiga: parecía que no Primavera Sound portugués decidiran xuntar a todos os pesos pesados nun mesmo día, non se sabe ben por que. Repasar o cartel era ir exclamando a cada nome “oh! pero tamén é o día que toca José González!”, “espera, é que The Replacements, Spiritualized, Sun Kil Moon…”, e ser conscientes de que habería que tomar decisións ás veces complicadas, ás determinadas polo espírito fan que arrastramos desde a adolescencia.

Nós chegamos tarde, xusto para Patti Smith, que era unha das imprescindibles da xornada, especialmente tras tela visto o día anterior. Desta vez salía en formato normal (e non semi-acústico) e cun repertorio fixo: ela e a súa banda tocarían ‘Horses’ de principio a fin e despois, se lles quedaba tempo (quedou), un par de temas máis. Porque deixar aos pobres que non asistiran o día anterior sen Because The Night ou People Have The Power sería inxusto.

Patti Smith. Foto: Hugo Lima

Patti Smith. Foto: Hugo Lima

A Patti que vimos foi a mesma: sorrisos, bailes, momentos nos que parecía estar en contacto directo con algún ser divino (o trance no que entrou en Birdland foi bastante incrible), enerxía envexable e público entregado. Iso si, o son bastante peor que o xoves, posiblemente debido a que o concerto tiña lugar no Palco NOS, escenario principal no que en xeral as cousas soaron bastante mal. Claro que era Patti, e cando Patti está aí nada importa.

O seguinte para nós foi José González, ao que tiñamos moitas ganas e nos deixou un pouco frías. Culpa de quen? Un pouco de todos. Empezando pola súa música, pouco axeitada para un festival -moito mellor en teatro! -, especialmente se non tes unha personalidade magnética que cala á xente só con que saias ao escenario, como faría Antony Hegarty horas despois. A sensación xeral entre o público congregado no Palco Super Bock nese momento era de dispersión, polo menos cara o medio, deixando ao pobre José González de música de fondo. Iso si, foi o único que fixo bis.

José González. Foto: Hugo Lima

José González. Foto: Hugo Lima

De aí, previa cola eterna para baño e para cea, pasamos xa a esperar a Belle and Sebastian. Ai, xa sabedes, eu aquí perdo un pouco o criterio. Saíron Stuart, Stevie, Sarah, Chris, Richard, Bob e o resto, arrincaron con Nobody’s Empire (para min a mellor canción do seu último disco e unha das mellores da súa carreira), e xa todo foi bailar. Houbo clásicos prehistóricos coma Dog on Wheels ou Dirty Dream #2, houbo temas do seu último traballo que soaron mellor que en disco como Perfect Couples, houbo sorpresas como If You Find Yourself Caught In Love (que se vos fixades na letra é rock cristián sen complexos, pero é tan boa que pouco importa estar a cantar que se estás solteiro deberías rezar moito máis), e os momentos que xa nos sabemos de memoria. O escenario cheo de xente (demasiado adolescente que non sabe quen son Belle & Sebastian, para o meu elitista gusto) en The Boy With The Arab Strap, Stuart deixándose poñer rimmel con Lord Anthony… e tanto bailar que todos entramos en calor.

BELLE AND SEBASTIAN _2ºdia_5 Junho_NOS PRIMAVERA SOUND 2015 _ © Hugo Lima | www.hugolima.com | www.fb.me/hugolimaphotography

Belle and Sebastian. Foto: Hugo Lima

Despois estaba claro o que había que facer: Antony & The Johnsons chegaban ao Palco NOS e eran a única opción do momento (segundo parece, por esixencias propias deles). Antony chegaba acompañado por unha orquestra de case 50 músicos, porque el pode, e pola súa voz que penetra e penetra ata os ósos e as entrañas, case tanto coma a brisa mariña que facía que a esas horas as temperaturas tiveran caído xa uns cantos graos. Para desfrutar deste concerto, iso si, había que situarse nun lugar cunha característica principal: un lugar no que non tiveses a ninguén falando nas inmediacións, algo que non se daba en todas partes. Aínda así, en xeral o público respectou o silencio. Que outra cousa vas facer cando está a soar You Are My Sister, Epilepsy is Dancing ou Hope There’s Someone? A inquietante videoproxección, iso si, non axudaba a manter ese silencio. Comentala era case unha necesidade vital.

Retirámonos cedo, coma sempre. O frío, o cansazo, a sensación de ter visto xa todo o máis impresionante que se podía ver.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *