NOS Primavera Sound 2015: Patti e os demais (día 4)

Hai tantas razóns polas que non ir a un festival de música que moitas veces, mentres esperamos para ir ao baño, odiamos á xente que non para de falar cando nós intentamos escoitar a música, ou sufrimos o cansazo traducido en dor de costas ou de pernas, preguntámonos por que seguimos indo, se aínda temos idade. Entón chega ese momento máxico, moitas veces inesperado, e esqueces todas as penurias anteriores para entrar nesa outra dimensión.

Pasou o xoves cando Patti Smith saíu ao escenario e saudou, cunha man, coa outra. Cando sorriu e ninguén quixo quedar sentado. Quedar nunha cadeira era case unha falta de respecto a alguén que pode empezar un concerto cun tema como Dancing barefoot, remátalo con People have the power, e dicir que ambos temas son seus. Polo medio outros clásicos como Because the night, Pissing in a river ou Banga, coa que fixo que todos rematásemos ouveando coma lobos á lúa sobre Porto, ou unha versión de Beautiful Boy de John Lennon, adicada ao seu neto (imaxinades ter a Patti Smith como avoa?) que me deixou cos ollos un pouco cheos de bágoas. Imitando á contaxiosa Patti do escenario, todos cantamos, bailamos e saudamos coa man, sabendo que a decisión de pasar de Mac DeMarco fora a correcta.

Patti Smith

Patti Smith. Foto:
© Hugo Lima

A Patti, por suposto, hai que valorala aparte. Podería dicir que o resto das cousas que vin o xoves no NOS Primavera Sound non importaron e deixalo todo aquí, pero sería inxusto, por moito que teña moi claro que dentro de dez anos o único que lembrarei dese día será o concerto semi-acústico de Patti Smith.

Cinerama – Por que xa ninguén lembra a este grupo? Iso era o único que podía pensar mentres os vía tocar ás 6 da tarde, coa voz de David Gedge (son The Wedding Present!) levándome a unha época na que tardaba unha hora en baixar unha canción de internet. Vale que o propio Gedge non parecía lembrarse tampouco moito das letras, que tiña diante nun iPad que miraba sen disimular, pero era un pouco triste ver que salvo algún fan que gritaba todas as súas cancións, a cousa estaba tan morta para un grupo que lembra ás veces a Belle & Sebastian, ás veces a The Smiths e outras a Orange Juice.

Cinerama. Foto: © Hugo Lima

Cinerama. Foto: © Hugo Lima

Mikal Cronin – Non puiden ver o concerto enteiro, porque cando levaba media hora decidín que vería a Patti e non a Mac DeMarco (que por certo apareceu no escenario para cantarlle o cumpreanos feliz ao tour manager que deben de compartir) e marchei para coller sitio. O que vin foi moito pop de guitarras dese que entra na túa Caixa torácica e a fai vibrar, unha voz fermosa e melodías perfectas.

FKA Twigs – De lonxe, mentres esperaba nunha desas interminables colas para conseguir alimentarme, soaba a Portishead. De preto, soaba quizais algo peor ao que a miña cabeza imaxinara, e por momentos bastante distinto a como soa en disco (non é unha música fácil de pasar ao escenario), pero o espectáculo facía por compensar. Tahliah Debrett Barnett, a persoa detrás de FKA Twigs, é bailarina, algo do que sabe sacar partido. Os seus concertos apelan tanto ao sentido do oído coma ao da vista e o obxectivo último é facer bailar. Iso si que o conseguiu.

Interpol – A Interpol xa os vin en varias ocasións e nunca terminan de convencerme, ao igual que non me convencen en disco. Escoitas unha canción e dis “isto mola”, pero cando van catro ou cinco empezas a preguntarte se non se están a repetir… non son todos os seus temas un pouco similares? Pero tampouco teñades esta parte en conta, en realidade marchei cando levaban só uns 20 minutos de concerto porque o meu día empezara ás 6:30 da mañá, o frío empezara a tomar o Parque da Cidade e o meu corpo e os meus ollos dicían que xa. Que tocaba durmir.

Total, xa vira a Patti Smith.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *