Os festivais que veñen: xuño 2015

SONY DSC

SONY DSC

Como pasou exactamente? Non vos dá a sensación de que hai nada estabamos aínda en febreiro? Que  non é que queiramos volver, para nada, estamos moi felices coa chegada de xuño e con este bo tempo que estamos a ter (esperemos que non signifique un verán deses nos que non se pode pisar a praia), perfecto para lanzarse á actividade festivaleira con alegría, sen moito risco de rematar mollado e con catarro. Ben!

E por suposto en xuño hai xa moito festival que escoller por todas partes e para todos os gustos (aínda que xa sabedes que nós sempre nos centramos máis nun estilo en particular…  pero imaxinamos que os fans do Derrame Rock xa saberedes que este ano será o día 27 de xuño e que están de vixésimo aniversario!). Como sempre, recomendamos tres festivais: un en Galicia, outro no resto de España e un no estranxeiro. Aínda que o estranxeiro deste mes é deses que en realidade son case na casa. Sabedes de cal falamos, non?

– En Galicia. Galicia Woodstock. Teo (A Coruña), 12 e 13 de xuño. Queres vivir a experiencia Woodstock e imaxinar que estás alí, en 1969? Queres ser hippy e falar de paz e amor sen que os teus amigos se rían de ti? Anota esta data na axenda e nos días sinalados vai ata Teo. Alí terás a nosa versión galaica de Woodstock, con bandas tributo creadas para a ocasión: terás a Bob Dylan, á Creedence Clearwater Revival, a Elvis, a Canned Heat, aos Allman Brothers, The Doors, The Kinks, Los Bravos… Haberá tamén vodas hippies (sen validez legal, mágoa) e unha xuntanza de vehículos como autocaravanas, furgonetas Camper e Volkswagen, e motos custom e clásicas. E todo gratis! Paz e amor!

– En España. Contempopránea. Badajoz, 5 e 6 de xuño. Un clásico para amantes do pop máis popi, o Contempopránea celebra este ano o seu vixésimo aniversario. Ao grande, por suposto: o prato forte deste ano son os Pet Shop Boys! Estarán tamén Dover, La Habitación Roja, Xoél López, Dorian, Vitalic, Los Punsetes… Os dous días por 40 euros. Para os máis fans, podedes coller un abono para o Contempopránea de Badajoz e o de Albuquerque (a finais de xullo) por 70 euros.

– No estranxeiro. NOS Primavera Sound. Porto (Portugal), do 4 ao 6 de xuño. É xa esta fin de semana! Pouco hai que dicir do Primavera Sound portugués, máis alá de que nós preferímolo mil veces ao de Barcelona: máis barato, nun lugar moito máis bonitiño, con menos problemas para ver todo o que queres… e en Porto! Este ano teremos a Belle and Sebastian, Patti Smith (con dúas actuacións!), Antony & The Johnsons, José González, The New Pornographers, Mac DeMarco, Mikal Cronin… que ganas!

Foto | sputnik mi amor_

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *