11 artistas que non nos perderemos no Primavera Sound de Barcelona

primavera

*Colaboración de Sabela Correa

Por que ir só ao Primavera Sound en Porto cando podemos ir tamén en Barcelona? Este ano en Disquecool facemos doblete! A última vez que estiven no barcelonés foi en 2011. Foi o ano da volta de Pulp e das revoltas en Praza Catalunya por mor do 15-M. Despois, xa sabedes, chegou a versión portuguesa e Barcelona quedou abandonada… ata agora!

O cartel en Barcelona é, coma sempre, máis amplo, polo que temos moitos máis problemas para ver todo o que queremos. A oferta é inabarcable, pero non pasa nada. Respirade fondo e don’t panic! Velaquí as nosas recomendacións, que non son as mellores, nin as máis (ou menos) mainstream, son só as nosas:

1. Panda Bear. Somos fans. Noah Lennox é membro tamén dos Animal Collective e leva cerca dunha década vivindo na capital do, probablemente, mellor país do mundo: Lisboa. Na sua proposta en solitario utiliza samplers e fai pop electrónico de ensoño.

2. Baxter Dury. Baxter xa se quitou hai tempo o de fillo-de e é un artista moi versátil que fai desde pop elegante, ata punk, pasando por temas recitados estilo chanson. Nesta última entrega tamén coquetea cos 80 e os sintes. Nós non podiamos estar máis encantados, ademais en directo parece un tío guai de verdade.

3. Los Punsetes. Porque sempre mola cantar “que le den por culo a tus amigos” e ademais os looks de Ari (e o seu estatismo) están moi currados. Fainos ela mesma!

4. James Blake. En directo é simplemente fantástico. Mestura tradición e tecnoloxía dun xeito moi natural e elegante, moi elegante. O neno prodixio do dubstep e a electrónica segue medrando.

5. Belle and Sebastian. En serio temos que dar algunha razón? Seguimos a Belle and Sebastian alá onde vaian!

6. Ariel Pink. Para sempre quedará na nosa memoria a primeira vez que vimos ao histriónico Ariel. Foi en San Simón, nunha das primeiras veces que Sinsal achegaba a música á illa. Adoramos as súas melodías e os seus estribillos, e ademais está como unha cabra.

7. Alt-J. Tivemos moita sorte de ver a este grupo formado por uns amigos que estudaban Belas Artes, os Alt-J (triangulito, he) moi ao principio da sua carreira, da man de Sinsal. Que e isto? Que voz! Como se baila? Despois veu o Mercury Prize e a súa fama subiu como a espuma.

8. Mac de Marco. Concerto recomendadísimo. Cancións bonitas ten de sobra, punteos cristalinos cun toque nostálxico, pero os seus directos non teñen nada de nostálxico. Mac e os seus pintorescos acompañantes teñen unha cousa clara: a pasalo bomba!

9. Foxygen. Temos moitas ganas de ver a este grupo que por unha razón ou por outra se nos levan escapando un tempo. E van e anuncian que non van volver a facer xira nunca (non dixeron nada de que se separaban…)! Isto é un now or never total!

10. Dan Deacon. A música de Dan Deacon é máxica, pero máis alá do son tecno-chiripitifláutico, nun concerto de Dan Deacon pode pasar de todo. A última vez que o vimos acabou prácticamente toda a carpa bailando a conga. Aí queda iso.

11. Caribou. O home detrás de Caribou, Dan Snaith, vén dunha familia de matemáticos. Será a herdanza familiar a que lle anima a buscar a fórmula a para a canción perfecta. Ademais, o seu último traballo é un disco temático sobre o amor e por se non fose suficiente a sua outra profesión é dj.

O festival en si será no Parc Fórum, pero lembrade se xa estades en Barcelona, que hai concertos por toda a cidade! Algúns deles gratuítos, ou sexa que non necesitades ter o abono para desfrutar da música!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *