Primavera Sound: 10 artistas que non nos perderemos

Algúns estaredes collendo o avión a Barcelona agora mesmo, outros xa estaredes alí e outros (nós) estamos aínda na casa, nerviosos e rezando por que certa (riquiña pero molesta) nube volcánica non nos deixe sen esta fin de semana que levamos planeando varios meses. Esta entrada ía ser un “o que non debes perder”, pero botándolle unha ollada ao cartel é imposible escoller tan só a dez artistas cos que sentar cátedra. Así que, sendo un pouco máis humildes, quedámonos nos 10 que non pensamos perdernos. Por nada do mundo.

10. Phosphorescent. O seu último álbum, ‘Here’s to taking it easy’, obtivo un 8,2 en Pitchfork. Os que esteades familiarizados coa forma de votar da biblia da música en internet saberedes que non regalan boas puntuacións a calquera (tamén saberedes que esas puntuacións moitas veces non teñen sentido, pero este non é o caso). Escenario ATP, 28 de maio, 19:15.

9. Incarnations. Si, si, en Disquecool temos unha certa debilidade por Bart Davenport que non é ningún segredo, e por iso non nos queremos perder a súa actuación xunto con Daniel Collás e Bing Ji Ling. O disco está guai, e o seu directo promete. O único problema? Aínda que actúan dúas veces, ambas coinciden con The National… haberá que correr. 27 de maio, ás 20:30 no Saló Myspace Mint e ás 21:45 no Jäger-Vice.

8. Sufjan Stevens. Un dos concertos da polémica: este ano, a praza para os concertos no Auditori (escenario Rockdelux) vai por sorteo. As boas novas? A nós (a min, vaia) tocoume unha praza. All things go, all things go, xa sabedes. Auditori (Escenario Rockdelux), 26 de maio ás 20:30 e 27 de maio ás 17:00.

7. The Flaming Lips. Aquí si que nos atrevemos a empezar a sentar cátedra: se vas ao Primavera este ano e nunca viches a Wayne Coyne e compañía en directo, non tes escusa. Prepárate para unha explosión de confetti e globos e boas vibracións. E unhas cancións perfectas, claro. Escenario San Miguel, 26 de maio ás 2:15.

6. The Tallest Man On Earth. Que ganas de ver a este rapaz sueco en directo e comprobar se de verdade ten esa voz tan dylaniana, se de verdade é quen de encher un escenario só coa súa guitarra e se de verdade, como din, seremos quen de esquecer a sombra de Bob Dylan no rato que dure o concerto. Escenario San Miguel, 28 de maio ás 17:30.

5. PJ Harvey. A Polly Jean hai que vela sempre, pero este ano existe ademais unha razón de peso para non perderse a súa actuación: o seu último disco, ‘Let England Shake’, é simplemente inmenso. Ter a oportunidade de vela trasladalo ao directo é un dos claros highlights do festival. Escenario San Miguel, 28 de maio ás 22:30.

4. Belle and Sebastian. Malia todo o enfado provocado polo seu último disco (‘Write About Love’) e o ego que parece ter tomado a Stuart Murdoch (eses lentes, Stuart, en que te convertiches?), ver a B&S en directo é sempre garantía de cancións fermosas, letras inocentemente punzantes e, se es un fan dos de sempre, quizais algunha bágoa de emoción. Escenario San Miguel, 27 de maio ás 22:45.

3. The National. Se non sabes de que estou a falar, deixa de perder o tempo lendo isto, escoita ‘High Violet’, e cando remates falamos. Xa estarás convencido, si, pero deixa de ler de novo e escoita o resto da súa discografía. Vémonos na primeira fila. Escenario Llevant, 27 de maio ás 21:15.

2. Fleet Foxes. Era posible? Era posible que estes rapaces de aspecto hippioso que non teñen máis de 25 anos repetisen o que fixeron co seu disco de debut? Non só era posible, senón que nun deses raros xiros do destino, o seu novo álbum, ‘Helplessness Blues’ é aínda mellor. E en directo cantan igual de ben, palabra. Escenario San Miguel, 28 de maio ás 19:40.

1. Pulp. Non é ningunha sorpresa, verdade? Será o primeiro concerto de Pulp tras case dez (interminables) anos de silencio. Jarvis Cocker e os seus secuaces deleitarannos con Common People, This is hardcore, Babies e todos eses himnos de tantas adolescencias. Que nervios! Escenario San Miguel, 27 de maio á 1:45.

Foto de portada | Primavera Sound (Inma Varandela)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *