E Nacho Vegas mergullouse entre o público

O concerto de Nacho Vegas e Refree na Sala Karma (en Pontevedra), o pasado sábado, marcaba o final da primeira etapa da xira de ‘La zona sucia’, quizais por iso Nacho decidiu soltarse a melena deixando a toda a sala con cara de perplexidade. Así, tras estar as ¿10? primeiras cancións sen mover nada máis que o pulso (ao que nos ten acostumados), nos bises decidiu (entre outras cousas) baixarse do escenario, entregarlle a súa guitarra a un fan e ata tirarlle os lentes ao chan (isto supoño que sen querer) a un ritmo discotequero (luces a xogo) de El mercado de Sonora.

A noite comezara puntual unhas tres horas e media antes co grupo catalán Refree, que fixo unha moi correcta actuación aderezada, incluso, con algún comentario tímido co que se gañou a miña simpatía: “Esta canción va de un  hombre que trabaja en un faro, controlando los barómetros y las luces, arreglando las cosas cuando se estropean en la cocina, y así día tras día, lo que no está mal… ni bien tampoco… cada uno que haga lo que quiera”. O público atendeu educado e algúns incluso con gusto, pero o certo e que ninguén parecía estar alí para escoitalos a eles, e de feito, un patiño de goma que tiraron o público, foi abandonado no chan cando a xente comezou a deixar a sala…

Despois entrou Nacho Vegas con Cuando te canses de mí, de ‘La Zona Sucia’ (que alguén me explique por que Nacho Vegas volveuse ñoño neste último disco). O público estaba moi entregado e non fixo falta ningún xesto do cantante para que a xente comezase a berregar as súas cancións, coa man no peito e pondo cara de “ei, Nacho, mírame, estou namorado de ti”. Oh, non quero ser mala coa xente pero o de onte non era nin medio normal.  Había un grupiño de rapaces que non paraban de gritarlle cousas a el, a Abraham Boba e a todo o que se puxese por diante. Ata Nacho, nun momento, decidiu cortar a riada de peticións a voz en grito dicindo: “Yo voy a tocar lo que pone en la setlist…”. Que si, que un comentario nun momento determinado pode ser divertido, pero dicir parvadas todo o rato para min é sabotar un concerto. Sobre todo un de Nacho Vegas, que as súas cancións non son precisamente unha festa. Unha parelliña ría hiperbébeda mentres todos os de arredor pedíanlles que se calaran e deixasen escoitar. E ata tres ou catro persoas prenderon un cigarro!

Deixando o comportamento do público a un lado, Nacho Vegas foi desbullando o seu último disco pouco a pouco, intercalándoo con algunha canción dos dous discos anteriores. De ‘Cajas de musica dificiles de parar’ tocou a grandiosa Maldición e do primeiro disco ningunha. Eu quedeime con gañas de máis, pero entendo que estamos ao que estamos: ‘La zona sucia’.

Tamén nos alentou a ir a Praza da Peregrina a apoiar  as manifestacións do 15M, e protagonizou un emotivo momento cando invitou a Refree a unirse no escenario para cantar Gallo rojo, gallo negro.

En conclusión, un concerto interesante, pero que podería ter sido bastante mellor se houbese máis educación.

Por certo, se queres saber que pensa Nacho Vegas que é cool, bótalle un ollo a súa Disqueficha.

Fotos | Sara

Shares

    4 comentarios

    • En Santiago tamén había deses maleducados, e irrítame máis vendo que a maioría son >30 anos, e aí non se lle pode botar a culpa á idade, nin á adolescencia, nin ó sentido común.

      E ei, cando Nacho bailou entre o público, ¿bailou? Eso sí que non mo esperaba… :D

    • Cris di:

      Jajaja, bailar é moito dicir. Digamos que se sacou a guitarra con bastante axilidade, e que comezou a dar golpeciños o fan da foto (ata tirarlle os lentes). Bailar… non bailou.

    • Nacho xa tiña pinta de ser dos fulanos que nos pubs se queda na barra bebendo e buscando “a rival máis débil”.

      E seguro que o chaval chegou a casa, e escribiu no seu diario: ‘Hoxe Nacho Vegas zarandeoume no concerto. ¡Qué guai!’. :D

    • Cris di:

      Debo aclarar que o rapaz, contento, contento, non parecía. Pero quizáis ao chegar a casa xa se lle pasara o enfado: non todos os días te pega Nacho Vegas!

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *