“Acabamos de recibir un tweet que di que a Xunta Electoral Central prohibiu todas as concentracións”.
Así anunciaba Rubén, un dos voceiros da acampada de Vigo (#acampadavigo), a polémica (e despois ignorada) decisión do organismo electoral á xente congregada arredor da Farola do final da rúa do Príncipe o pasado xoves. E ante a avalancha de preguntas e comentarios, apuntaba: “é só un tweet, estamos a intentar conseguir máis información”.
O que se puido ver nese momento foi un dos xestos que está a ser máis repetido nestas acampadas: os indignados desenfundaban as súas armas de pantalla táctil e procedían a buscar máis información por eles mesmos.
A ferramenta preferida para eses momentos de necesidade de información inmediata é sempre Twitter. E os asistentes á acampada tiñan multitude de hashtags onde buscar a información requerida: desde #spanishrevolution ata #democraciarealya, pasando polas etiquetas máis locais como #acampadavigo ou #acampadascq, os tweets amontoábanse nun fluxo de información aberta a todo o mundo que hai uns anos tería sido difícil de imaxinar.
E é que esta #spanishrevolution non só tomou as rúas: seguindo o exemplo de Exipto, unha parte moi importante da revolta está a ter lugar en Internet. Ninguén con Facebook ou Twitter podería non terse decatado do que está a pasar: os muros e timelines están tomados polos contidos (vídeos, enlaces a artigos, fotografías) que teñen algo que ver co que está a acontecer estes días nas prazas de case todas as cidades españolas (e moitas de fóra).
Difusión e organización interna
Pero as redes sociais non están a ser básicas tan só á hora de difundir as acampadas (e as súas razóns), senón que tamén están a ser utilizadas de forma interna para fins organizativos. A acampada de Vigo, por exemplo, ademais de contar co seu hashtag oficial #acampadavigo, está tamén organizado en Facebook: unha páxina non oficial con case 2500 fans que deu lugar a un grupo xa oficial, pensado como un lugar máis participativo e horizontal que as páxinas de fans, que xa ten máis de 700 membros. Teñen tamén un blog e un foro.
O obxectivo destes sitios é múltiple: ademais da necesaria labor de difusión, dando a coñecer as acampadas, que é o que se pide, e as distintas decisións que se van tomando nas asembleas; tamén están a ser utilizados á hora de informar das cousas que van necesitando (auga, pilas, etc) e como foro de debate paralelo ao físico. As distintas acampadas mantéñense así tamén en contacto vía Twitter con mensaxes de apoio e consellos e ideas sobre organización.
Estas ferramentas online repítense en case todas as concentracións. Desde a de Santiago de Compostela ata a de Ourense, a #spanishrevolution está a demostrar o que xa demostraran as recentes revoltas en países árabes: as redes sociais non son só para ter amigos ou conseguir clientes (no caso das marcas). Internet pode resultar clave tamén nos movementos sociais do século XXI: concentracións, acampadas ou manifestacións que xa non dependen dos medios de comunicación ou da imprenta que imprime os panfletos para chegar a todos os cidadáns.
Fotos | Andrés Fraga (na acampada de Santiago de Compostela)
1 comentario