Un ano máis chega o noso sábado preferido do ano: o do Festival de Eurovisión! En Disquecool somos eurofans orgullosos, como ben sabedes (e como sodes tamén moitos de vós, para a nosa alegría), e cada ano desde hai xa dez xuntámonos para ver o festival dos festivais, ese ao que soñamos ir desde hai moito tempo. A festa da democracia europea! O momento no que, en palabras do noso amado John Oliver, Europa sublima todos eses anos de guerras, veciñanzas tortuosas e relacións de amor-odio.
O ideal, claro, sería ver o festival totalmente sobrio, que isto é algo serio, pero somos xente débil. Xuntanza entre amigos, música de discoteca, baladas intensas, frikadas absurdas… cando os gintonics empezan a fluír, xa non hai quen os pare. Pero e se tivesemos unha escusa para o alcoholismo eurovisivo? Algo tipo un xogo de beber. Xa sabedes, eses xogos nos que todo o mundo quere perder porque todo o mundo quere emborracharse. Estades de sorte! No noso xogo cremos que será bastante doado acabar a noite… en fin, depende da bebida que escollas. Estas son as normas!
- Bebe un grolo cada vez que:
- Haxa un cambio de vestiario.
- Íñigo diga algunha burrada.
- Penses que o concursante vén doutra década. Dous grolos se son os 90.
- Dubides da pertenza a Europa dun dos participantes. Acaba o vaso se xurarías que son de Oceanía.
- Durante as votacións, acertes os puntos que un país lle dá a Edurne.
- Un dos músicos ou bailaríns mire a cámara e intente parecer sexy/simpático/terrorífico
- Apareza un violín
- Un país balcánico vote a un país balcánico
- Érguete e bebe dous grolos cada vez que:
- Apareza o teu elemento (escolle un: fogo/auga/aire/terra)
- Alguén cante nunha lingua que non sexa o inglés
- O participante toque algún instrumento
- Vexas un destes elementos (escolle un): capa/plumas/tirantes
- Á hora das votacións, algún dos presentadores dos distintos países vaia vestido moi raro
- Algún dos teus amigos intente falar do 24-M
- Brinda coa persoa que teñas ao lado (podes beber ou non despois, é cousa túa) cada vez que:
- Apareza un traxe rexional.
- Un participante diga: “thank you, Austria/Vienna!”
- Íñigo se refira á beleza dalgunha das participantes.
- Nunha canción escoites as palabras: peace/love/together/forever
- Escoites un cambio de clave nunha canción.
- Alguén fale do ano do Chiki Chiki e de como as cousas xa non son o que eran.
- Érguete e baila cada vez que:
- Haxa unha coreografía grupal (imítaa).
- Alguén baile algo que podería ser calificado de “rexional”.
- Bebe todo o vaso cada vez que:
- Apareza un espontáneo.
- Íñigo faga un comentario sexista.
- Apareza un tigre no escenario (temos grandes esperanzas coa actuación de Edurne, si).
- Unha canción conte cos 4 elementos da canción eurovisiva perfecta, segundo Neil Hannon: bo ritmo, letras sen sentido (lalala, ououou), cambio de chave e toques irlandeses.
- Érguete e aplaude cada vez que apareza Conchita. E bebe tamén, porque por que non.