Os festivais que veñen: maio 2015

primavera

Houbo un momento de susto, non o vou negar. Empecei a miña busca mensual de festivais en todas partes (aínda que no verán tendemos a centrarnos en Galicia e Portugal) e o suor frío empezou a brotar da miña fronte. Non atopaba festivais galegos en maio. De verdade? Busquei que tiñamos en maio noutros anos. O ano pasado escollera o Ciclo Imperdibles de Pontevedra; non hai rastro de edición de 2015. En 2013 quedara co Festival do Norte, ao igual que en 2011; este ano celébrase en xullo. En 2012 falara do Reperkusión, do que aínda non hai novidades. Tras pedir axuda en Twitter, foi Juan, demostrando que é un bo novo pontevedrés, o que me chivou un: o Galegote Rock. Menos mal!

– En Galicia. Galegote Rock. Pontevedra, 13-16 de maio. O Galegote Rock é un deses festivais que toman as cidades enchendo as súas salas e bares de (máis) música. O día grande do festival, que busca dar máis visibilidade a bandas que cantan en galego (aínda que hai de todo), é o sábado, desde as 12 da mañá. A quen poderedes ver nos bares pontevedreses (e nas prazas Méndez Núñez e nas Cinco Rúas)? Xente como CAXADE, Os Amigos dos Músicos, os portugueses Birds are indie e JigsawLeo I Arremecághona, entre outros. E todo gratis!

– No resto de España. Primavera Sound. Barcelona, 28-30 de maio. Xa, recomendando o Primavera quedamos un pouco mainstream de máis, xa o sabemos, pero é que este ano é especial. O Primavera Sound está de 15 aniversario! E por primeira vez en bastante tempo recuperan o seu nome: fixádevos, xa non levan a marca de ningunha cervexa primeiro! O cartel, coma sempre, é impresionante, como serán os malabares que haberá que facer para ver todo o que queres ver. Pero é parte do encanto de Primavera barcelonés, para que negalo. Antony & The Johnsons, Belle and Sebastian, Damien Rice, José González, Patti Smith, Tobias Jesso Jr (revelación deste ano!), The Strokes, Tori Amos, Mac DeMarco, … Mirade vós o cartel, que é imposible. Prezo: abono 195 euros.

– En Europa. Nuits Sonores. Lyon (Francia), 13-17 de maio. Queres unha escusa para facer unha escapada primaveral a Francia? Aquí tes unha: o festival Nuits Sonores. Defínense como un festival adicado ás culturas electrónica, independente, visual e interactiva, no que non todo é música. Esta mestúrase co deseño, a arte gráfica e a arquitectura, e transforma así a cidade de Lyon (ten lugar nuns 40 lugares da cidade). Jamie XX, Nils Frahm, John Talabot, Public Service Broadcasting, The Soft Moon e un longo etcétera. Hai moitos tipos de ticket distintos (de día, de noite, abono -estes están esgotados-, etc.). Andan polos 50 euros.

Foto: Sara Suñé

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *