Nunca pensei que unha película dirixida por Stuart Murdoch, líder de Belle and Sebastian, fose a ter unha promoción tan boa. Desde que o proxecto comenzou hai xa unha chea de anos, primeiro coa fantástica banda sonora, e despois co crowdfunding para poder facer o filme de ‘God Help The Girl’, sempre me imaxinei buscando por Internet enlaces de descarga (ou viaxando a Glasgow para vela alí no cine). Pero nunca, nunca, que chegase a España rodeada de entrevistas e hype e artigos sobre o twee. Poder vela nun cine da miña cidade (Vigo). Quizais por todo o que se está a falar – sempre da man de Avalon (a distribuidora que a trouxo a España, grazas!), parece, sen atreverse a dicir que Stuart escribe mellores cancións ca guións -sinto a necesidade de escribir unha crítica que ía deixar para min mesma.
Eu vin ‘God Help The Girl’ na casa hai cousa de dúas semanas. Unha amiga que vive en Londres advertíramo. “Sei que a vas querer ver”, dicía, “pero non deberías perder uns 111 valiosos minutos da túa vida vendo iso”. De fan a fan. As críticas parecían dubidar e ninguén se atrevía a dicilo de forma crúa (algúns si, vale), enchendo as liñas de expresións como “película honesta” (si que o é), “unha canción de Belle and Sebastian feita película” (discrepo),”estética bonita e inocente” (certo), “regusto a nouvelle vague” (no estético), “cancións moi boas” (por suposto).
Pero despois tocaba falar do serio. Si, ‘God Help The Girl’ é unha marabilla para os ollos e case sempre para os oídos (Hannah Murray, a nosa Cassie de sempre en ‘Skins‘, agora Cassie tamén no filme, non é a mellor cantante do mundo), pero o guión, ai, o guión. Stuart tiña tantas ganas de facer unha película, levaba tanto tempo soñando con iso, que se volcou totalmente. Meteu todas as súas pantasmas e obsesións, todo o que lle pasou arredor dos 20 anos: enfermidade, montar un grupo, atopar a Deus, Glasgow, namorar dunha compañeira de banda, … e na súa cabeza está moi claro, pero en pantalla dá a sensación de que pasa dun punto a outro sen moita unión. E, o peor de todo, toda a súa profundidade acaba parecendo superficial.
Para os que non sabedes cal é argumento do filme (que é un musical, aviso): Eve (Emily Browning) é unha rapaza anoréxica que escapa do hospital no que está ingresada e coñece a James (Olly Alexander), un guitarrista adorable e nerd que -por suposto- namora dela, e a Cassie (Hannah Murray), unha rapaza á que el está ensinando a tocar a guitarra. Falan de montar un grupo mentres pasean por Glasgow e percorren o río en kayak e fan pícnics, montan un grupo con moita xente. E despois, cun final algo amargo que parece unha mensaxe directa de Stuart a Isobel Campbell (con Eve nun autobús e o tema Dress up in you de fondo), todo remata. E quedas así un pouco indiferente. Non sabemos de onde veñen os problemas de Eve, nin nada de James e Cassie -máis alá do obvio.
E se o guión estruturalmente e en canto a profundidade xa ten bastantes problemas, despois están esas conversas que moitas veces provocan a risa do espectador -non sempre nos momentos nos que querería Stuart. Como cando Eve en plena búsqueda de fe di que non cre en Xesucristo e James, cos ollos moi abertos e cara de sorpresa pregúntalle: “non cres en Xesús?”. (Porque por moi relixiosa que sexa Escocia, penso que que unha persoa de vintepoucos anos diga que non cre non pode ser tan, tan raro, non?). E hai outros momentos deste tipo (e non, non sempre relacionados coa relixión).
Estou a dicir que aforres os cartos e te manteñas lonxe do cine onde proxecten ‘God Help The Girl’? Non, estou a dicir que é mellor saber que esperar. Só polo bonita que é para os ollos (e os vestidos de Emily Browning, que cambia de roupa case en cada escena e todo o vestiario é marabilloso), por esas coreografías, por buscar -se es fan- a membros de Belle and Sebastian facendo minicameos, por escoitar a música con bo son, paga a pena. Eu posiblemente repita para vela en pantalla grande. Se esperas un peliculón a nivel argumental e de guión, mellor queda na casa. A xente odia os musicais (eu non) porque os personaxes empezan a cantar sen sentido e cortan o rollo. En ‘God Help The Girl’ pasa un pouco ao revés. Eu cortaría todas as conversas e deixaría só os momentos de música.
Tes razón en todo. A estética é preciosa. O argumento… Un gran erro vela no cinena