Como cada ano, cando chega o outono, volve o tempo de ir ao cine. Non porque un xa non saiba que facer para motivarse a saír de casa con esa choiva, non porque o verán quede lonxe e un poida adicarse a beber cocacolas e comer flocos de millo -sen remorsos-, nin sequera porque no cine teñan mellor calefacción que na túa casa, non. É porque co outono regresan os bos filmes á pantalla. De feito, esas boas películas chegan antes que o mal tempo, así que toca xa este finde ir gozar da sétima arte.
Aquí tes 10 das estreas deste outono máis esperadas, ou polo menos, 10 ás que nós lle temos ganas.
1. A entrega – Michael R. Roskam:
26 de setembro
Trátase dunha adaptación dunha novela de Dennis Lehane (como Mystic River o Shutter Island) e que vai sobre gángster. Un thriller sempre é unha boa opción, e se ademais conta con James Gandolfini, mellor que mellor.
2. A illa mínima – Alberto Rodríguez
26 de setembro
Outro thriller, esta vez vez de feitura española, do que se está a falar moito e ben. Conta a historia de dous policías expedientados que, nos anos 80, deben enfrontarse nunha remota aldea cun feroz asasino. Son cousas miñas ou o tráiler ten algo do estilo ‘True Detective‘?
3. O veredicto – Het Vonnis
3 de outubro
A vinganza adoita dar moito xogo no cine. E temos bastante curiosidade por saber que ocorre neste filme belga cando o culpable dun asasinato é posto en liberdade por un erro procesal e alguen toma a xustiza da súa man.
4. A mecánica do corazón – Stéphane Berla, Mathias Malzieu
3 de outubro
Filme de animación que ten pinta de ser súper bonito, cun protagonista cun reloxo no corazón que se parará o día que namore. E por suposto, vai namorar.
5. Winter sleep – Nuri Bilge Ceylan
10 de outubro
Un drama turco ambientado nun hoteliño de Anatolia que quedan illado un inverno pola neve. Hai quen di que é unha obra mestra, e hai quen di que é un aburrimento, haberá que comprobalo.
6. Filth – Jon S. Baird
24 de outubro
Basease nunha novela de Irwine Welsh do mesmo nome, e se a liches, ti tamén querrás saber por saber como se traslada o monólogo interno dunha tenia a un filme.
7. Calvary – John Michael McDonagh
7 de novembro
Una comedia negra insólita sobre un cura que é boa persoa, pero que aínda así recibe unha ameaza de morte.
8. 20000 dias na terra – Iain Forsyth, Jane Pollard
7 de novembro
24 horas ficticias na vida do (fantástico) músico Nick Cave, a cabalo entre o documental e a ficción. Orixinal e inspirador, ou polo menos, iso parece.
9. Mommy – Xavier Dolan
21 de novembro
O enfant terrible do cine canadense sorprende cun filme sobre unha nai agoniada cun fillo hiperactivo e problemático ao que ten que atender tras ser expulsado dun centro de reeducación.
10. Maxia á luz da lúa- Woody Allen
5 de decembro
Ás veces gústannos máis, ás veces menos, pero ir ver o filme de Allen ó cine, é unha tradición outonal a que non imos renunciar.
1 comentario