A illa mínima, probablemente, a mellor película española do ano

a illa mínima

Atrás quedaron os anos de prexuízos cara o cine español, o aburrimento fronte aos cinco argumentos de sempre, fronte aos cinco actores de sempre . Xa demostraron que podían facer desde comedias románticas a películas de acción dignamente, e o que é máis importante, comercialmente.  E o xénero policíaco non é unha excepción.

Non o é mesmo se con ‘A illa mínima’ transcendese dito xénero. Queremos atopar o culpable, claro que si, pero o filme cóntanos moito máis que iso. E para explicar o que ese filme significa, o máis claro e facer unha comparación. ‘A illa mínima’ é o ‘True Detective’ do cine. Xa o parecía só vendo o tráiler, pero a sensación persiste ao longo de todo o filme. O é ata un grado que asusta cando un descubre que esta película gravouse antes de que saíse a serie, e un pode imaxinar a rabia que tivo que sentir o director, Alberto Rodríguez, ao vela, porque relacionalas é inevitable. Recordas as razóns polas que debías ver ‘True Detective‘? Pois moitas xa che valen para ver ‘A illa mínima’.

Primeiro, a fotografía. Sublime na súa capacidade para transmitir, delicada en cada imaxe, hipnótica e absorbente. Algo que percibimos desde o primeiro minuto, cunhas vistas cenitais das marismas de Doñana que parecen sacadas doutro mundo. Así sabemos, ben pronto, que estamos nunha aldea perdida, nun lugar nos confíns da terra, asfixiante, pechado, volcado en si mesmo.

Tamén pola música de Julio de la Rosa, minuciosamente incidental, inconscientemente (para nós) imprescindible. Tamén polos actores, comezando pola parella protagonista, o poli bo Raúl Arévalo e o poli de pasado escuro, do que case preferimos non saber Javier Gutierrez, e continuando polo resto do reparto. Tamén polo ritmo, trepidante. En realidade, por cada decisión técnica coa que conseguiron que quedemos con ollos atrapados na pantalla, totalmente a mercé da historia.

E por suposto, pola trama, que funciona a moitos niveis. Estamos nos anos 80, e dous policías “castigados” son enviados a unha aldea perdida do Guadalquivir a resolver un caso sen importancia: a desaparición de dúas rapazas. En realidade, esta é case unha escusa para o retrato do peor dun lugar e un tempo claustrofóbicos, onde atopamos caciquismo, machismo, drogas, abusos sexais, violencia e moitas persoas que sufren e pechan os ollos. Sen descoidar por iso a resolución do crime en si, que é a que nos va guiando polas entrañas da aldea, e na que todas as pezas rematan por encaixar, a pesares da aparente ambigüidade do final do filme.

Unha pequena xoia pola que paga a pena gastar os 6, 7 ou 8 euros que te cobran nas salas de cine. Non te arrepentirás.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *