Volveu o frío. Xa está aquí Cineuropa!

Xa volveu a cita cinéfila anual. Cineuropa xa enche de cinema as rúas de Compostela co mellor da sétima arte en versión orixinal. Este ano o programa gañou uns cantos quiliños e promete facer de novembro un mes no que facer Tetris entre butacas e horarios. O festival inaugurouse con Une Nouvelle Amie nun Teatro Principal ao completo mentres, fóra, o frío non impedía que as colas para os vindeiros días fosen ben grandes. Para axudarvos neste encaixe de citas, traémosvos aquí catro películas para ver antes do venres:

Luns 10: Une Nouvelle Amie

Volve François Ozon a Compostela e faino… máis descafeinado que o ano pasado. A única, xunto coa obra de arte The Salt Of The Earth, que xa vin no momento en que escribo este texto e a primeira que me deixa un tanto indiferente. O filme arranca cando a mellor amiga da protagonista morre deixando ao seu marido e filla coa labor de reestruturar a súa vida. Aquí xogará un papel moi importante a protagonista posto que descubrirá … bueno, mellor non spoilear parte do argumento. Entre a comedia divertida e o telefilme de sábado pola tarde, Ozon non consegue deixar o listón tan alto como o ano pasado con Jeune Et Jolie.

Martes 11: Miss Julie

Dirixida por Liv Ullman, si, aquela guapa actriz que compartía pantalla con Bibi Andersson en Persona, o filme está protagonizado por Jessica Chastain, o cal xa fai que a película sexa de visionado obrigatorio, e por Colin Farrell. Este drama baseado nunha obra teatral de Strindberg foi seleccionado no festival de Valladolid na Sección Oficial.

Mércores 12: Standard Operating Procedure

Sempre aclamado, Errol Morris volve cun documental sobre os maltratos no cárcere de Abu Ghraib. Coñecendo a obra deste grande documentalista, esta peza promete ser dura e necesaria como foi Mr. Death ou The Thin Blue Line. Sen dúbida, película a ter en conta para aqueles que busquen algo máis que entretemento na pantalla.

Xoves 13: Phoenix

Drama chegado desde a Alemaña que conxuga o nazismo e o reencontro de dous namorados. Nina Hoss, que fóra a protagonista da xenial Bárbara, repite con Christian Petzold experiencia nun filme que ben recomendado desde o Festival de San Sebastián.

E isto tan só son catro toques dunha programación que comeza despois do xantar e que dura ata ben entrada a noite. Os programas xa están á venda, así que bulide ás billeteiras a facervos co voso e comezar a planificar un mes no que o cu colleravos a forma das butacas de Cineuropa.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará