Primeira fin de semana da 28º edición de Cineuropa e, como non, volta ás ecuacións co programa en man. Compatibilizar películas só é posible para aqueles máis expertos que son capaces de previr o retraso inicial, a cola de xente votando ao saír e o pequeno sprint entre o Salón Teatro e o Teatro Principal. Se aínda non te pegaches algunha carreira entre algunha das sedes do festival, sen dúbida estás facéndoo mal. Son moitas as películas (máis ou menos vinte cada día) e o lóxico é querer velas todas. Renunciar a cear a unha hora normal a cambio da sensación de saír á unha e pico da mañá a unhas rúas só habitadas polos cinéfilos máis noctámbulos, cambiar a vida social por ese pequeno intercambio de sorrisos iluminados pola pantalla ou esquecer cal é a película que acabas de ver porque levas tres seguidas son sensacións polas que todo habitante de Cineuropa debería pasar ao menos unha vez. Pero, para os que non se atrevan a facer maratóns de cine e prefiran ir a tiro fixo, aquí deixamos unha serie de recomendacións.
Venres 14: The Gold Rush
Unha vez máis, a Real Filharmonía de Galicia únese ao programa de Cineuropa para achegarnos a interpretación en vivo da partitura orixinal dun clásico. Neste caso trátase do clásico de Charles Chaplin The Gold Rush. A Filharmonía, dirixida por Paul Daniel, volve a unirse coa coa cinefilia nunha experiencia que paga a pena vivir.
Venres 14: Las Altas Presiones
Para os que queiran fuxir do “clasicismo” que pode supor a Filharmonía, Ángel Santos presenta no Teatro Principal a súa película Las Altas Presiones, un dos moitos filmes galegos que este ano compiten en sección oficial. O filme segue a viaxe de Miguel, que volta á súa cidade natal a recoller localizacións para seu filme, mentres a súa cámara abandona o traballo para gravar a realidade que acontece ante os seus ollos. Sen dúbida, unha aposta segura para os que queiran coñecer o cine que vén e a un dos directores máis prometedores do panorama galego.
Sábado 15: Negociador
Borja Cobeaga non precisa descricións. O seu simple nome asinando un guión, e neste caso tamén a dirección do filme, é motivo suficiente para movernos cara a butaca e aceptar tal e como veña a obra que nos teña preparada. Fiel ao seu espírito provocador e transgresor, en Negociador trata un tema un tanto peliguado na sociedade e que segue a ser un tabú: ETA. Comedia que, poño as dúas mans, o pescozo e o corpo enteiro no lume, non defraudará.
Domingo 16: Magical Girl
Exacto, a película da que se leva falando meses chega agora a Santiago. Con motivo do premio a Bárbara Lennie, o festival aproveita para traer a película que foi premiada en San Sebastián ca Cuncha de Ouro a mellor película e a mellor director. Con José Sacristán entre o elenco e Carlos Vermut na dirección, todo aposta a que Magical Girl será un dos filmes máis aclamados desta 28º edición.
1 comentario